Xustificación

INTRODUCIÓN

A USDG é un sindicato de nova creación e independente que xorde da acción colectiva, inspirados pola invocación á solidariedade, como elo de unión e principio reitor da nosa acción sindical. Estamos organizados por seccións provinciais e procedemos mediante a toma de decisións asemblearia e democrática, cunha importante presenza de mulleres ocupando postos de responsabilidade na nosa organización.

        Pretendemos sinalar e denunciar as contradicións do sistema educativo con accións destinadas a crear un panorama profesional igualitario coma paso imprescindible para afiuzar a calidade do ensino.

As candidaturas provinciais presentadas pola USDG están compostas por docentes de diversos corpos educativos que representan diversidade de sensibilidades, consonte á pluralidade de experiencias que posuímos coma profesionais do ensino, pero tendo en común o obxectivo de fixar as bases para a creación dunhas relacións laborais máis xustas como cerna fundamental sobre a que conseguirmos avances na calidade do ensino. Están formadas por funcionariado de carreira e funcionariado temporal, interinos e substitutos, de diferente antigüidade en cadanseus corpos educativos, procedentes de diferentes comarcas do noso país.

Presentámonos a estas eleccións aguilloados polas políticas de precarización que con especial intensidade están a se cebar co persoal temporal do ensino, que nestes intres están a ser expulsados do sistema educativo. Mais a nosa acción sindical non só ten coma obxectivo avanzarmos en materia de dereitos laborais, procurando a estabilidade que remate co abuso da interinidade, senón tamén achegar solucións para a mellora do sistema educativo.

        Denunciamos os recortes en educación: centos de postos de traballo perdidos debido á imparable amortización de prazas e á supresión de unidades educativas que se producen curso tras curso, eliminación de persoal de apoio educativo, onda privatizadora do ensino, supresión de comedores, etc.

Denunciamos a incerteza na que o colectivo de profesores temporais vive sumido por non ter recoñecido o seu dereito á estabilidade. Os docentes temporais de longa duración (algúns levan prestando servizos máis de 10, 20 ou 25 anos) sofren desigualdade de oportunidades ao careceren deste dereito, como calquera outro traballador do Estado que estea vinculado laboralmente un certo número de anos coa empresa que o teña contratado.

        Denunciamos un sistema de acceso á función pública inxusto, aleatorio e subxectivo. Entre moitas causas, especialmente porque na inmensa maioría das especialidades está a se conculcar o sistema selectivo dos funcionarios de carreira preceptuado baixo a fórmula do concurso-oposición, que prescribe a disposición adicional 12ª.1 da L.O. 2/2006 de Educación. O colectivo peor parado debido a esta grave irregularidade é precisamente o colectivo dos docentes temporais, xa que debido ás súas responsabilidades profesionais non pode, en moitos casos, tirar os mellores resultados (as notas máis altas en cada tribunal) na fase de oposición.

A solidariedade e a unión entre os traballadores e traballadoras, o feminismo, a laicidade, a defensa do público como ben común, a transparencia e o asemblearismo democrático e proactivo marcan o noso ideario coma organización sindical.

A SITUACIÓN DO SECTOR PÚBLICO

A precariedade laboral

No ámbito das relacións laborais do sector público existe un problema grave de precariedade e temporalidade e unha desigualdade de oportunidades crónica, entre os funcionarios fixos e os temporais. Deste xeito, houbo decote, e segue a haber, para o persoal non fixo un “conflito histórico” pola falla de estabilidade e xustiza laboral.
        Na actualidade, as políticas públicas de recursos humanos son inconfesablemente inicuas e desleais ao Dereito:
– falla sistémica dunha planificación xeral eficiente e transparente nas administracións públicas,
– a imposición da taxa de reposición,
– as restricións orzamentarias,
– a falla dunha regularización na convocatoria de procesos selectivos de acceso á función pública non cumprindo o que está regulado pola Lei (necesidade de convocar prazas dentro dun límite legal, que, en xeral, pode ser de 3 anos de demora como máximo; art. 70.1. do EBEP) etc.

Asistimos a unha escandalosa taxa de temporalidade, que para o conxunto do Estado está por volta do 25 %. Pode haber entre 700.000 e 900.000 empregados públicos temporais (interinos e substitutos, estatutarios e laborais) sometendo a este colectivo a unha situación de fraude de lei por abuso seguido da temporalidade.
        De acordo coa Directiva europea 1999/70, o “principio de non discriminación” debe asegurar que os traballadores que realizan as mesmas funcións teñan igualdade de condicións na súa profesión. Nas administracións públicas para os funcionarios non fixos só foi atinxido o recoñecemento á “carreira profesional horizontal”, o que na práctica supuxo soamente avances en materia retributiva (fundamentalmente, dereito ao cobro de trienios e sexenios). Mais non se produciu unha regularización do vínculo entre a Administración e este tipo de traballadores que seguen a sufrir unha situación de inestabilidade permanente agravada pola falla de regularidade das convocatorias dos procesos de acceso á función pública na maioría dos corpos funcionariais, crebando a propia Administración o regulado no Estatuto Básico do Empregado Público (art. 70.1.)
        Resultan de especial interese dúas importantes sentenzas ditadas en setembro de 2018 polo Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo sobre a situación do persoal funcionario e estatutario en fraude de lei, de grande importancia pola súa contundencia á hora de valorar a existencia de situacións de fraude e abuso, para colectivos que ata agora non estaban a lograr unha protección xudicial significativa, coma os docentes. Aplicando o criterio contido en diversos pronunciamentos do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, afirma que procede declarar contrarios a Dereito os cesamentos nos casos en que se teña constatada unha situación de abuso da contratación temporal.
        A transposición da Directiva 1999/70/CE, que establece un límite de tempo á temporalidade, ás normativas nacionais é imperativa (do contrario o Estado non estará a acatar o Dereito comunitario, de incorporación obrigatoria nos ordenamentos xurídicos dos Estados membros, e deberá afrontar sancións e o pago de multas millonarias impostas pola UE). Este límite de tempo é de 3 anos para o caso dos empregados españois.
        A Resolución aprobada polo Parlamento europeo o 31 de maio de 2018 contra o abuso da Administración pública española na duración dos contratos por prazo determinado, patentiza aínda máis a violación da lexislación superior da Unión Europea en materia de emprego temporal.
A inacción inxustificable da Administración que, como sabemos, vén agravando este problema dende décadas atrás, o cal non encaixa de xeito ningún co Dereito europeo, obriga ineludiblemente a que a se deba compensar ao persoal abusado e que se deba sancionar á Administración.
Esta indignante taxa de temporalidade nas AAPP  ten merecido unha sanción millonaria ao Estado por parte da UE. Non obstante, o ministro Montoro e os sindicatos CCOO, UXT e CSIF lograron convencer á UE para que suspendera a sanción coa promesa de diminuír a temporalidade. Estes compromisos foron os dous “Acordos para a mellora do emprego público e as condicións de traballo” (asinados en marzo de 2017 e marzo de 2018, respectivamente)  e a Lei de orzamentos xerais do Estado de 2017, que habilitaba ás CCAA e entidades locais a convocar en ofertas de emprego público (OEPs) convencionais os postos do persoal temporal que as propias administracións públicas mantiveron en réxime de temporalidade durante anos en fraude de lei.
A “solución” é a convocatoria de OEPs deseñadas mediante procesos de selección ordinarios que implican a obriga dos aspirantes a ter que superar unha oposición (ou oposición-concurso) eliminatoria.
        O que agocharon Goberno e sindicatos é que a grande maioría destes traballadores temporais se atopan nunha situación de fraude de lei, ao térense superado todos os prazos legais para tal estado de temporalidade. Nin os citados acordos, nin a vixente Lei de orzamentos, nin o propio EBEP contemplan o recoñecemento de tal fraude de lei.
        Daquela, o que se pretende é despedir a centos de milleiros de traballadores, aqueles que non superen os procesos selectivos eliminatorios, sen previamente ter tido o dereito a unha regularización da súa situación. Na realidade isto é mesmo peor ca un Expediente de Regularización de Emprego, xa que no fondo se trata dun mecanismo de expulsión masiva de traballadores con experiencia, sen ter en conta nin a fraude e mais o abuso que se ten cometido sobre centos de milleiros de traballadores e traballadoras (calcúlase que entre 300.000 e 400.000 puideren estar en fraude; isto estar a traballar máis de 3 anos consecutivos coma temporais ocupando prazas ou postos estruturais) nin a contemplación de compensacións de tipo ningún e dende logo tampouco garante unha expectativa razoable de estabilización para os afectados, ao tempo que a Administración queda libre de calquera sanción. Tamén isto é totalmente contrario ao Dereito europeo
Esta inacción e deslealdade ao Dereito propiciada pola Administración, en connivencia cos sindicatos asinantes do acordo sinalado, está a provocar unha auténtica “crise xudicial”, cos custes que isto implica para a sociedade e o Estado, con milleiros de demandas contra a Administración, por mor destas políticas inicuas e mesquiñas no emprego público español e os abusos na interinidade. Os custes que se podan derivar desta crise poden ser graves en materia de indemnizacións, ademais dos custes que en por si xa están a xerar os milleiros de demandas dentro do propio sistema xudicial.
        Por todo isto, cómpren medidas potestativas e normativas que apliquen as sentenzas europeas en relación co persoal temporal, abordando de forma conxunta a precariedade dentro do Dereito administrativo.

A SITUACIÓN NO ENSINO

Os problemas en educación do mal chamado concurso-oposición

Como vemos, as administracións públicas veñen incumprindo a lexislación desde hai xa demasiado tempo. Para o noso caso, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional tena incumprido sistematicamente, agravando aínda máis un problema que require unha solución de excepcionalidade. Esta solución está contemplada no mesmo EBEP, ao establecer no seu artigo 61.6 que. “los sistemas de selección del persoal funcionario serán los de oposición y concurso-oposición (…) Sólo en virtud de ley podrá aplicarse, con carácter excepcional, el sistema de concurso que consistirá unicamente en la valoración de méritos”. Esta é unha das solucións que para a USDG, onda un número crecente de colectivos, sindicatos, grupos políticos e asociacións, corresponde para paliar o dano cometido á propia Administración e aos traballadores temporais, fronte á irresponsable xestión das políticas de contratación de persoal, que teñen merecido a tipificación de “fraude de lei” despois do seu incumprimento sistemático durante décadas.

Existe tamén unha vinculación entre este “proceso viciado” de acceso á función pública docente e a inestabilidade laboral, no sentido en que os traballadores temporais non teñen garantido un sistema de acceso xusto.

Nas últimas convocatorias en Galicia temos asistido a uns procedementos selectivos de acceso á función pública docente con resultados catastróficos. Foron suspendidos entre o 80% e o 90% dos aspirantes, xa dende a primeira proba da fase de oposición. A fase de concurso perdeu a súa específica función; todo isto tivo lugar sabotando as normas da propia convocatoria. Sabotouse a fase de concurso (concurso-oposición) e a fase de didáctica, creando un proceso no que practicamente ninguén supera a primeira proba. A importante sentenza do TSJCL, Sección 3ª, sede Valladolid, Recurso Nº 1743/2009, Resolución Nº 598/2016, de data 18/04/2016, condenou con especial intensidade a ilegalidade da práctica de recomendar aos tribunais que procuren acomodar as súas cualificacións das probas de oposición de xeito que non pase á fase de concurso un número de aspirantes que “poida resultar excesivo”.

Estes procesos están a desenvolverse, por moitos motivos, fallando aos principios de obxectividade e transparencia. Ademais disto tense producido a conculcación do sistema selectivo dos funcionarios de carreira preceptuado baixo a fórmula do concurso-oposición, que prescribe a disposición adicional 12ª.1 da L.O. 2/2006 de Educación.

A necesidade de mellora da planificación xeral educativa: as materias afíns

A política de precarización e o abuso da temporalidade son consecuencia tamén da falla dunha planificación xeral educativa coherente. A amortización de prazas e mingua do servizo educativo provocan que a Administración utilice a situación non definitiva nos seus postos do persoal para satisfacer a oferta educativa cun número crecente de “materias afíns”.

Estas “materias afíns” son impartidas, nos máis dos casos, polos docentes provisionais (funcionarios en expectativa, en prácticas  e temporais)

Así, denunciamos esta política de desnaturalización da actividade docente, que a partir da mala planificación magoa de xeito grave a calidade do  ensino. Se ben a existencia de materias afíns é lóxica ata certo punto, opoñémonos a que a Administración siga a provocar tal descontrol na asignación de materias distintas aos docentes de xeito tan sistemático e masivo.

A mellora na xestión dos recursos humanos:
O anterior é consecuencia da necesidade legal de crear unha relación de postos de traballo (RPT), que ata a data non existe no corpo de profesores de ensino secundario galego e noutros corpos docentes. Feito inadmisible e que resulta imprescindible para un correcto e transparente funcionamento na provisión de postos de traballo neste servizo.