PRINCIPIOS IDEOLÓXICOS

  • Un sindicato independente: A USDG é independente na toma das súas decisións sindicais, sen admitir inxerencias da administración, dos partidos políticos, da patronal ou de calquera outro grupo económico ou de presión. As decisións emanan da vontade da afiliación, expresada de xeito democrático e en consonancia cos nosos estatutos.
  • Un sindicato democrático: O funcionamento da USDG está baseado na democracia. Toda a afiliación ten os mesmos dereitos. Os cargos son elixidos mediante mecanismos democráticos e calquera pode participar deles: elixir e ser elixido.
  • Un sindicato asembleario: A USDG organízase en asembleas, entendidas como mecanismos de debate e discusión, e máximos órganos de decisión, despois do Congreso. Todas/os as/os afiliadas/os teñen o dereito de participar da dinámica asemblearia baixo o principio dunha persoa un voto. Os acordos tomaranse inicialmente por consenso, e se é necesario por votación conforme aos estatutos.
  • Un sindicato plural: na USDG conviven diferentes xeitos de entender a vida política e social. Garántese a liberdade de expresión e pensamento no seu seo, sempre que estes non atenten contra os principios ideolóxicos do sindicato.
  • Un sindicato galego: o galego é o idioma oficial do sindicato e Galiza o seu ámbito de actuación. Será a lingua usada nas súas canles comunicativas, como norma xeral. Só se cambiará a outra lingua no caso de comunicacións fóra do país.
  • Un sindicato de clase: a USDG oponse a calquera tipo de explotación, sexa no ámbito público ou privado, e nas dimensións económicas,  políticas, sociais ou culturais. Representamos, defendemos e promocionamos os intereses da afiliación en calquera eido (económico, social, profesional, cultural) para conseguir a súa melloría, así coma tamén a das/os traballadoras/es en xeral.
  • Un sindicato feminista: a USDG considera a loita feminista como unha parte fundamental da xustiza social, polo que defendemos e promovemos calquera acción ou iniciativa na busca dunha equidade efectiva.
  • Un sindicato que defende o sistema público: a USDG defende e protexe a existencia de servizos públicos de calidade, máis nomeadamente do ensino. Opoñémonos a calquera pretensión da administración, partido político, central sindical ou calquera outro grupo, de desvalorizar, precarizar ou recortar os servizos públicos, tanto nos seus programas oficiais coma actitudes ou declaración públicas.   
  • Un sindicato que aposta pola unidade: na busca dunha maior xustiza social, a USDG promove as relacións con calquera central sindical ou asociación que loite polos mesmos principios, tanto a nivel nacional, estatal ou internacional. Pola contra, rexeita colaborar con aquelas outras organizacións de calquera clase que defendan principios que entran en contradición coas liñas ideolóxicas presentes neste documento.

USDG NA FUNCIÓN PÚBLICA DA CUT: CARA A INTEGRACIÓN PLENA

A USDG mantén vixente o acordo de colaboración mutua coa Central Unitaria de Traballadoras da Galiza. A valoración do devandito acordo é moi positiva, cunha plena integración na que as nosas posicións son tratadas e analizadas coma unha área máis da propia CUT. No mesmo sentido, a axuda e defensa da USDG por parte da Central, é encomiable e a destacar a extraordinaria harmonía entre ambas organizacións.

Neste último ano temos asistido a diversas mobilizacións co apoio da CUT, contamos coa axuda constante da asesoría xurídica. Mantivemos reunións co actual Secretario Xeral, Ricardo Castro, nas que se ofreceu axuda en tódolos niveis á nosa organización, sendo a única organización sindical que ten amosado o seu apoio pleno e aberto ao persoal precario das administracións públicas do ensino galego.

O andar dos tempos lévanos cara unha progresiva integración coa Central Sindical, que deberá ser abordada en 2020 en aras de abandonar a sectorialidade e incluírnos nun sindicato de clase e xeralista, no que o ensino público non é senón unha peza fundamental a preservar e fomentar como arma da loita da clase traballadora.

Segundo o recollido nos nosos principios ideolóxicos e en conformidade cos mesmos, máis concretamente cos principios de clase, unidade, pluralismo e defensa dos servizos públicos, defendemos a integración da USDG nas estruturas da Central Unitaria de Traballadores (CUT), a teor dos positivo resultados da colaboración emprendida.

Entendemos que un sindicato que agrupe persoas dunha única profesión é un atranco para a consecución dos nosos fins e un límite para as nosas aspiracións de acadar unha maior xustiza social.

Participar dunha estrutura maior e consolidada facilitará a nosa labor e operatividade, e descargará de tarefas burocráticas e organizativas que lastran a militancia e o activismo de parte da afiliación.

Deste xeito, seremos quen de artellar un espazo sindical forte de cara as próximas eleccións sindicais do ano 2022. Un espazo que non existe e que é moi necesario: un sindicato que non lle debe nada a ninguén (nin cartos, nin obediencia política) e que está disposto a pelexar polos dereitos do persoal definitivo e temporal, sen privilexiar os dereitos dun colectivo por riba do outro.

A CUT é un sindicato cunha presenza crecente na Función Pública e con experiencia na loita contra a Administración e na defensa dos intereses das/os traballadoras/es. Ten percorrido un longo camiño nos últimos 20 anos, o que pode facilitar a nosa propia acción sindical. Ademais, a CUT conta con numerosas/os delegadas/os nas Mesas Sectoriais de diversas administracións públicas e Comités de Empresa da Xunta.

A Central Sindical ten presenza en múltiples territorios da Galiza nos que pode facer que a USDG creza alí onde non está agora, e partindo dunha estrutura sindical e organizativa xa preexistente.

Por todo isto concluímos que o futuro para a USDG, para a defensa do ensino galego e dos seus traballadores en condicións de igualdade entre eles e co resto da clase obreira, é a integración plena na Central Unitaria de Traballadoras.

En Compostela a 14 de decembro de 2019

A Mesa do Congreso