Para as e os docentes

ESTABILIZACIÓN

MEDIDAS A CURTO PRAZO:

  • A consolidación do emprego temporal e acceso á condición de funcionario de carreira:
  • A aprobación dunha lei sectorial que teña por obxecto a consolidación do emprego a través do desenvolvemento dun “Concurso extraordinario de méritos” no ámbito do sistema educativo público galego.

Instaremos á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a que realice, por unha soa vez, unha convocatoria extraordinaria de consolidación de emprego. Os órganos competentes deste organismo determinarán o número de prazas, que incluirá polo menos todas aquelas prazas ou postos estruturais que leven ocupados de forma temporal de maneira seguida máis de 3 anos.

MEDIDAS A MEDIO E LONGO PRAZO:

1. A estabilidade do emprego temporal e expectativa de permanencia na condición de funcionario interino:

      – Na medida en que se tivera conseguido o obxectivo da consolidación do emprego temporal, serían de reclamar complementariamente garantías mediante un plan de estabilidade (se ben a vía preferible sería a normativa) de que non será ofertado nas OPEs un número de prazas que comprometan as prazas dos interinos de longa duración (traballadores que leven máis de tres anos a cubrir prazas estruturais), reservando un número delas non inferior ao dos aspirantes que xa levasen polo menos tres anos a exercer a función docente con contratos de interinidade.

      – Ademais que se abra a posibilidade de que os docentes interinos podan continuar no seu centro de traballo durante o maior tempo posible, non só para incidir positivamente nas condicións laborais dos interinos, senón coma medida que implicaría unha mellora dos plans educativos dos centros ao contar cun persoal máis estable.

      Esta medida é perfectamente asumible mentres non afecte a dereitos dos funcionarios de carreira, en concreto ao dereito destes a un concurso de traslados ou ao dereito á inamobilidade (se non se producir circunstancias de forza maior que o contradigan) no seu posto de traballo, praza ou destino.

      Estes obxectivos poderían comportar medidas efectivas de estabilidade sen necesidade de reforma ningunha do actual marco normativo.

Os centros teñen que afrontar cada ano un cambio moi importante no seu persoal sen poder, por ese motivo, acometer proxectos a medio-longo prazo. As prazas que non se poden cubrir con definitivos deberán ser estables até que esa praza saia a concurso.

2. Dereito a un sistema xusto de acceso á función pública docente con expectativa de acceso á condición de funcionario de carreira: o modelo das probas de acceso por concurso-oposición

O actual modelo está claramente anticuado, é inxusto, aleatorio e subxectivo. Por isto, esixiremos:

      – Para aquelas prazas estruturais ocupadas por persoal temporal durante máis de tres anos, esixiremos un acceso diferenciado entre persoal interino e aspirantes libres.

      – Aquelas prazas de nova creación ou vacantes por xubilación (taxa de reposición) deberían cubrirse segundo os procesos selectivos establecidos a tal efecto, tal e como indica a nosa lei sectorial na disposición adicional 12ª.1 da L.O. 2/2006 de Educación, e de maneira independente do que se solicita no punto anterior, respectando a verdadeira esencia do concurso-oposición.

      En calquera caso, A USDG esixirá que sexan garantidas as condicións necesarias para a asegurar un seguimento xusto do proceso en canto aos principios reitores do acceso á función pública do art. 55 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, en relación cos principios de obxectividade e transparencia.

      Serán esixidas as condicións que garantan a adecuación entre os contidos dos procesos selectivos e as funcións ou tarefas a desenvolver. Non só trataremos de facer rectificar as múltiples irregularidade das que falabamos, senón tamén de racionalizar as probas adecuadamente á práctica real que a docencia require, descartando os modelos de probas memorísticas e de compoñente aleatorio.

Ademais esixiremos tamén:

  • Planificación: calendario ordenado, as datas non deben coincidir co curso escolar (as probas poden comezar en xullo)
  • Transparencia: criterios de cualificación claros (publicación dun temario oficial) e que as notas das e dos aspirantes sexan publicadas cada día.
  • Eficacia: máis tribunais.
  • Valoración da aptitude pedagóxica: probas non singularmente eliminatorias para así poder valorar as aptitudes dun maior número de candidatos na segunda proba.
  • Legalidade: nun “concurso-oposición” os tribunais non poden aprobar só as prazas ofertadas; ten que existir un concurso real.

O CAPD

Resolución definitiva do CAPD o 31 de XULLO para todos os corpos.

– O proceso deberá facerse antes de tal xeito que se produzan as incorporacións dos profesores provisionais a principios de setembro.

– O criterio básico do reparto de grupos/horarios será as necesidades pedagóxicas de atención á diversidade, baixo fórmulas de reparto democráticas e pedagóxicas.

– Os prazos para elevar os grupos/horarios a definitivos deberán ser máis longos para facilitar o traballo das direccións dos centros.

– Regularización das “materias afíns” xa que non se utilizan para cubrir cuestións puntuais, senón que son unha ferramenta para aforrar en profesorado nos centros. Non máis asignacións de afíns sen ningún criterio.

– Facilitar a mobilidade do persoal funcionario definitivo para ocupar prazas temporais (“concursillo”).

SAÚDE LABORAL

– Revisión e cumprimento dos plans de autoprotección, que estes se adecúen ás necesidades dos traballadores dos centros educativos.

– Recoñecemento daquelas enfermidades adquiridas por exercer a profesión que non se atopan no cadro de enfermidades profesionais como accidentes de traballo (afonías, stress, burnout, problemas articulares e músculo-esqueléticos, …)

–  Realización dun cadro médico de enfermidades profesionais da e do docente e revisións médicas específicas reais e conforme á lei.

– Intervencións preventivas desde o ámbito lexislativo que, desde o coñecemento das peculiaridades do traballo, poña en marcha unha normativa de desenvolvemento específica en  PRL (Prevención de Riscos Laborais) para os docentes segundo as condicións laborais das diferentes especialidades: profesorado de Primaria, Secundaria, Formación Profesional, Ensinanzas Especiais, Música e Artes Escénicas, IGAFA; así como que se inclúan as patoloxías no cadro de enfermidades profesionais.

-A realización con participación sindical dun  Plan de Prevención de Riscos Laborais en todas os corpos, a través dos comités de seguridade e saúde laboral.


OUTRAS PROPOSTAS

– 100% das retribucións desde o primeiro día de baixa por enfermidade.

Redución da xornada lectiva para maiores de 55 anos sen perda retributiva.

– Recuperación das 2 pagas extras completas, ao 100% e iguais que o resto das pagas. Devolución do adeudado.

Establecemento dun máximo de 35 horas semanais, con 30 horas de adicación ao centro, cun máximo de 18 períodos lectivos.

Sesións de 50’ para todo o ensino non universitario.

– Recuperación das retribucións para todas as actividades de coordinación desenvolvidas e redución horaria, segundo as necesidades reais, xa que estas levan consigo unha carga extra importante que non é valorada.

– Retribución  real e diferenciada da Atención a pais, para as e os profesores titores de grupo.

-Valoración e recoñecemento dos proxectos e actividades realizados co alumnado, para as e os docentes que se involucran máis aló do seu labor.

– Compensación con días libres no caso de realizar actividades co alumnado en días non lectivos.

– Dotación de persoal  por parte da Consellería de Educación para custodiar ao alumnado desde a chegada do transporte escolar até o inicio das clases e desde o remate até a saída do transporte.