A USDG DISÓLVESE PARA DAR PASO Á CUT ENSINO

Por Andrea Estévez Barreiro

Na historia da administración pública galega, os axentes sindicais que participaron da “transición” española, nomeadamente CCOO e UXT, conseguiron a súa representación ao par que o sindicalismo da nosa terra loitaba por acadar a identidade e defensa do pobo galego.


Após 45 anos, o panorama sindical no eido do ensino é desalentador. Un activismo desactivado, moreas de persoas cualificadas para unha tarefa tan esencial como a educación do pobo, en estado adurmiñado ante o pisón do sistema neoliberal que asfixia as nosas escolas, empúrrannos cara o ensino privado.

“Após 45 anos, o panorama sindical no eido do ensino é desalentador”


Na actualidade, ningunha das organización sindicais presentes na Galiza son quen de afrontar os seus problemas endóxenos: a desmobilización e desunión incluso nas súas propias filas, sendo organizacións que non buscan perturbar á administración, aínda en conflitos graves como o Acordazo que deu orixe a USDG.

Asemade, o labor destes sindicatos, coñecidos como tradicionais, semella contar con diferentes “categorías” de traballadores na defensa dos seus dereitos: fixos e temporais.

Para os primeiros, a defensa dos dereitos laborais focalízase nos reintegros nominais ou no benestar, mentres que para os segundos, queda a reivindicación da realización de oposicións mais nunca se fala do sistema obsoleto e opaco das mesmas. Todo o traballo con este colectivo pasa polo mantra sagrado do acordo de interinos, que se usa para recordarnos que, a pesar de sermos abandonados no limbo da precariedade e temporalidade, debemos mostrar agradecemento polo feito de ter ese acordo de mínimos e non molestar as OOSS con outras aspiracións de mellora laboral, acceso xusto, estabilidade ou busca da igualdade ante o desempeño das mesmas funcións que os compañeiros estables.


En 2018, un grupo de docentes, fartos de seren ninguneados polos seus representantes crea a USDG. A maior parte procedentes de sindicatos coma CIG ou STEG aos que presupoñían lanzas defensivas ante unha política neoliberal de substitución de traballadores públicos do ensino por outros máis baratos tras anos de recortes e falta de probas de acceso. Porén, tanto as organizacións citadas coma o resto, das que xa nada se agardaba en termos de confrontación coa Consellería, decidiron abandonar á súa sorte ao colectivo.

É, por tanto, como a creación da USDG agroma do conflito directo coa administración galega e da nula axuda das demais formacións sindicais tras entrar en contacto directo con elas. Cansos de anos de recortes, de falta de ofertas de emprego público e de abusos nas contratacións, profesorado temporal de longa duración, na compaña de compañeiros definitivos con visión de conxunto sobre o problema, xuntamos forzas nun proxecto libre de medos, ataduras, e débedas coa administración ou lousas que poidan lastrar a loita do profesorado galego.

“A creación da USDG agroma do conflito directo coa administración galega e da nula axuda das demais formacións sindicais”


O noso rumbo sindical sempre foi colaborar e apoiar as reivindicacións sindicais que se foron formulando por parte daquelas forzas con representación. Somos conscientes de que a loita polos dereitos debe facerse en grupo, sen excluír a ninguén como vén sendo habitual no ensino.

Pola visión de servizo público e ben comunitario para a clase obreira galega é polo que, no momento presente, a USDG convértese en “CUT Ensino”. A Central Unitaria de Traballadoras ofrécenos un compromiso para a defensa das persoas traballadoras do ensino no seu conxunto, como peza clave no sistema público, facendo fincapé na defensa dos postos de traballo do elo máis débil e inestable: o persoal temporal contratado en fraude de lei.

“A Central Unitaria de Traballadoras ofrécenos un compromiso para a defensa das persoas traballadoras do ensino no seu conxunto, como peza clave no sistema público”

Dende unha óptica de clase, feminista, anticapitalista, diversa e inclusiva, a CUT Ensino posiciónase na loita por un ensino público galego no que se prime a calidade educativa, os coidados en conexión co noso ámbito, a igualdade entre as persoas traballadoras de todos os corpos do ensino e unha aprendizaxe en valores para comunidade obreira con conciencia de clase e non economicista.


Comezamos unha nova andaina convidando a toda a comunidade educativa a acompañarnos nela. Agardamos a túa presenza na loita.


Ensinamos e formamos á comunidade do futuro, con visión anticapitalista e de coidados. Non formamos man de obra baleirada de pensamento crítico para servir á patronal“. CUT Ensino.