CARA UNHA FOLGA NECESARIA

O profesorado asociado na USDG-CUT, chamará á Folga de Ensino anunciada xa pola CIG, no caso de que a Consellería de Educación non mude a súa folla de ruta. Sobran os motivos:

  1. A señora Pomar di que non se poden reducir as ratios nas aulas porque non quedan espazos libres nos centros educativos.
  2. A Consellería de Educación insiste en non poder cumprir co 1’5 metros de distancia de seguridade porque as aulas están ateigadas e polo tanto a distancia redúcese a 1 metro.
  3. A Sra. Pomar di que é moi importante volver xa pola saúde emocional das crianzas, pero para a saúde física máis non lle poden facer.
  4. Manifestan dende San Caetano e o Pazo de Raxoi que A COVID19 foi un golpe durísimo e que ninguén podía esperar… non é culpa da Consellería e moito menos do Sr. Feijoo.
  5. O Sr. Presidente da Xunta insiste en que “debemos empezar o curso con normalidade“, está todo ben.
Simulación feita por Foanpas dunha aula seguindo o protocolo da Xunta.
Imaxe tomada por USDG-CUT.

PERO…

1) a masificación dos centros é froito da política errada da Consellería que leva anos pechando centros públicos, nomeadamente no rural, para favorecer a escola concertada: iso si é culpa da Consellería de Educación.

2) A masificación fará que a separación real entre alumnos sexa de 56 centímetros, xa que 1 metro é o que separa a cabeza dun alumno do seguinte: iso é culpa da Consellería de Educación.

3) Se desde o mes de MARZO a Sra. Pomar tivese atendido as consideracións da Comunidade Educativa, agora habería un protocolo serio que reunise as demandas e preocupacións de todas as partes implicadas nas escolas. A situación da COVID cun acordo consensuado sería moito menos penosa, pero non o fixo: iso é culpa, evidentemente, da Consellería de Educación.

A situación provocada pola pandemia non fixo máis que evidenciar anos dunha nefasta xestión do goberno da Galiza, fóra e dentro da Consellería de Educación, e un menosprezo atroz á comunidade educativa, en especial á mocidade galega, o futuro de todas e todos nós.

O Sr. Feijóo e a Sra. Pomar, como algún dos nosos queridos estudantes, ven que non poden facer en dúas semanas o traballo de seis meses. É por iso que queren desfacerse das súas responsabilidades culpando a outros. As competencias en Educación e na creación dun protocolo seguro, pertencen en exclusiva á Xunta de Galicia, para quen non é prioritaria a nosa seguridade a teor dos ocorrido.

Xunta coordinadora da USDG-CUT Ensino


ENFRONTAREMOS DESDE AS RÚAS O SEU DESPREZO:

COA SAÚDE EDUCACIÓN DAS FAMILIAS GALEGAS NON SE XOGA.