AS COMPAÑEIRAS DE FRANCÉS DE PRIMARIA RECLAMAN QUE SE CUMPRA CO CATÁLOGO NO CADP

Desde este colectivo de mestres da especialidade de mestres de idioma estranxeiro: francés, volvemos a poñernos en contacto con vostede para poñer no seu coñecemento a nosa inquedanza por que no CADP do próximo curso 2019 – 2020 se repita a mesma situación que tivemos que vivir no curso anterior, 2019 – 2020.

Manifestamos as nosas preocupacións no ámbito da adxudicación das prazas da nosa especialidade ante vostede, o subdirector xeral de recursos humanos, ante a sra. Conselleira de Educación, Dna. Carmen Pomar e ante o Presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Nuñez Feijoo. A respostas dos tres teñen un mesmo obxectivo, que se van manter as prazas que vacantes da especialidade para os mestres da especialidade.

Por outra banda, recoñécese que o que ocorreu na adxudicación do CADP 2019- 2020, foi excepcional e que non se volverá repetir.

  • Con data 23 de setembro de 2019 recibimos a contestación a nosa demanda por parte da Secretaría Xeral da Presidencia , desta resposta fago constar os seguintes parágrafos:

“En canto á súa apreciación respecto a que diversas prazas de francés se ofertan a primaria, a consellería aclara que as prazas vacantes de catálogo se ofertan á CADP pola mesma especialidade na que están catalogadas, incluídas as da especialidade de “idioma moderno: francés”.

Por outra banda, vostedes relacionan no seu escrito unha serie de prazas que ao seu xuízo deberían terse ofertado pola especialidade de “Lingua estranxeira: francés” e non pola especialidade de “Primaria”. Ao respecto, dende a consellería sinalan que é posible que se dea algún erro puntual, pero non existe pola súa parte ningún tipo de premeditación no proceso de adxudicación.

Por último, quixera transmitirlles que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional aposta polas prazas da

especialidade de “Lingua estranxeira: francés” nos centros de educación primaria e de educación infantil e primaria.

  • Con data 10 de outubro de 2019, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Dna. Carmen Pomar Tojo, remitíunos u escrito no que da contestación ás nosas inquedanzas e adopta a mesma liña argumental que o do sr, Presidente da Xunta de Galicia.

Inclúo algúns parágrafos ilustrativos:

“No que se refire á adxudicación de destinos provisionais (CADP) de diversas prazas de francés que se ofertan a primaria, … En xeral, as prazas vacantes ofértanse pola mesma especialidade na que están catalogadas.”

“En relación a algunhas das prazas que vostedes sosteñen que deberían terse ofertado pola especialidade de Lingua estranxeira: francés en lugar da de “Primaria”, que non se fixera así débese a un erro cometido puntualmente, que non se repetirá, non a decisións estruturais neste sentido. “

  • E finalmente, con data venres, 13 de setembro de 2019, dende a Subdirección xeral de recursos humanos manifestóusenos esta intención que reproduzo a continuación:

“En relación coas prazas de Francés que se adxudican por primaria a consellería non da ningunha explicación de que o “colexio en cuestión quere un mestre de primaria e non de francés”.

No catálogo de postos de traballo dos CEIP hai un especialista de francés, que fai de xeralista, pero a opinión da Consellería é que, agás que se vai a pedir outro perfil, que en ocasións sucede, a praza se solicite de conformidade co catálogo.

Polo tanto, non é una posición da consellería que as prazas se demanden por “primaria”, nin facemos ningún papel de cómplice e de verdugo da especialidade. Ao contrario, mantense invariable o catálogo a pesar de que non se imparta francés no centro.”

Esperamos que se cumpran as expectativas que se planearon e que neste, xa próximo, CADP non se volva repetir unha situación tan desconcertante e caótica para os mestres da devandita especialidade como no último proceso de adxudicación.

Atte. O colectivo de mestres de lingua francesa en Galicia.