USDG-CUT en contra de volver ás aulas

A USDG-CUT, unha vez máis, maniféstase en contra da volta ás aulas a partir do 25 de maio. Máis alá das críticas que se poidan realizar acerca da falta de medidas de seguridade e o risco innecesario ao que se quere someter as traballadoras, a voluntariedade de asistir ás clases racha co principio de universalidade dun dereito humano fundamental como é a educación. Defendemos unha educación en igualdade, as que menos posibilidades teñen deben ter os mesmos dereitos que as demais.

Haberá alumnado que poida asistir e alumnado que non, polas cuestións individuais que sexan. Un chanzo máis na espiral de desigualdade na que entramos desde o comezo do confinamento. O alumnado que participa das clases presenciais estará sendo privilexiado fronte ao que non, especialmente en 2º de Bacharelato coas probas das ABAU a menos dun mes.

Esta chapuceira volta ás aulas evidencia unha vez máis a falta de sensibilidade e empatía da Consellería de Educación cara o alumnado con menos posibilidades. A máxima desta conselleira é: que se zafe quen poida, tonto o último.

Instamos ás organización sindicais chamadas a participar da mesa sectorial do 20 maio a que defendan o interese de todo o alumnado, que non caian nas manobras electoralistas do señor Feijóo, preocupado tan só en dar sensación de normalidade para que non haxa críticas cara o proceso electoral posto en marcha. Non debemos volver ás aulas porque non garantimos a igualdade de oportunidades, principio que debe ser a base da educación pública.

Non esquecemos tampouco que a Consellería de Educación non está a cubrir vacantes. Chegan os recortes á mínima oportunidade, especialmente grave xa que estamos nun momento no que protestar e facer valer os dereitos das traballadoras e alumnas é complicado. Xente que queda no paro, profesorado sobrecargado coas tarefas das non substituídas e alumnado que se encontra sen docentes. Unha vergoña máis.