NON SE PODE AVANZAR MATERIA NO 3º TRIMESTRE: resumo da xuntanza de onte coa Consellería.

  Resumo da intervención na videoconferencia que tivo lugar o 13 de maio de 2020 ás 17.00h, entre o equipo técnico da Consellería de Educación e representantes das ANPAS e sindicatos do ensino público e privado de Galiza:

Intervén a conselleira para informar de que a reunión ten a finalidade de recadar sentires e opinións da comunidade educativa antes da Conferencia Sectorial do día 14 co Ministerio de Educación.

Expón que ven a necesidade do reencontro nas aulas do alumnado por cuestións socio-afectivas, pero que non teñen ningún tipo de información dende a anterior Conferencia sectorial do 14 de abril, salvo por titulares de prensa: que será voluntario para o alumnado que teña os 2 pais traballando na etapa de E. Infantil e para alumnado que precise reforzo educativo. Con respecto ao curso 2020/21 saben que se está a propoñer a volta por quendas.

Manifestan que na reunión pedirán protocolos claros para a volta que dean a máxima seguridade para alumnado e profesorado implicado, sexa agora ou en setembro.

A continuación pide escoitar as opinións dos presentes e aquí facemos un resumo da nosa intervención, cun tempo tasado de 5 minutos:

USDG-CUT: apoio as teses do resto de OOSS en canto a non regresar ás aulas e matizo os seguintes asuntos: as instrucións da 3ª avaliación non só son confusas, senón que as FAQs en vez de aclarar complicaron moito máis a súa interpretación, facendo cada profesor ou equipo directivo o que libremente interpreta con respecto a avanzar ou non materia na 3ª avaliación, algo que se solicitou quedase ben explicitado na xuntanza anterior.

Hai alumnado sen docencia dalgunha das súas materias porque tras un estudo feito desde abril por USDG, podemos constatar, cos poucos datos do portal da consellería, que o 50% das substitucións de primaria e secundaria non foron cubertas, polo que hai certas materias que non deben ser de importancia no currículo.

O profesorado está desbordado de traballo, da mañán á noite, moitos deles son temporais que se van ir ao paro no verán porque sigue sen pagarse para substitutos. Ademais moito do traballo que se está a realizar de telensino, co esforzo na preparación de material que leva, vai ser tirado ao lixo o vindeiro curso cando moitos deles sexan despedidos e debido á súa inestabilidade permanente, cambio de centro, etc. A Consellería ten a solución nas súas mans desde hai tempo, consolidando ao persoal temporal como xa tiña que ter feito, máxime cando moitos temos xudicializada a nosa situación.

De cara ao vindeiro curso débese solicitar maior orzamento en Educación e Sanidade na Conferencia de mañán, para contratar moito máis profesorado, circunstancia que xa debería aparecer reflectida nas vacantes que vaian ofertar no CADP no mes de xuño, xa que ao reducirse as ratios, haberá que dobrar o persoal e de paso abrir os centros educativos que foron pechados nos últimos tempos ou pensar en novos espazos para distribuír ao alumnado.

A día de hoxe podo constatar que seguimos con alumnado con medios pero que non sabe utilizalo.

Tamén pregunto sobre as orientacións publicadas sobre o seguimento dos programas europeos, no que se esixen cousas que non sabemos como facer, como o rexistro de videoconferencias e material empregado.

A continuación procede a responder o persoal técnico da Consellería:

  • Pediuse un protocolo sanitario que non chegou.
  • Hai EPIs que se están a repartir desde esta mesma mañán.
  • As instrucións do 3ª trimestre son claras: pódense ampliar aprendizaxes no 3ª trimestre pero sobre contidos do 1º e 2º. Nas preguntas aclaratorias posteriores ás instrucións non hai ningunha variación: non se avanza en materia do 3º trimestre.
  • Confía no criterio do profesorado para decidir quen debe promocionar ou non ao seguinte curso e considera que non se fai aleatoriamente.
  • Con respecto á ABAU: onte 12 de maio houbo unha reunión coas Universidades para planificala.
  • Con respecto ás orientacións sobre programas europeos: é un resumo das esixencias que marca a UE ao respecto, pero tentarán facer unha ampliación aclaratoria ao respecto.
  • Os libros de texto recolleranse seguindo un protocolo que se establecerá no seu momento.
  • Considera unha ofensa a alusión de STEG á sobredotación intelectual.
  • Na conferencia de mañán a conselleira vai ser asertiva e quere deixar claro que 8 millóns de persoas que move a comunidade educativa non pode mobilizarse sen protocolos sanitarios claros nin agora nin en 2020/2021.
  • Estase a formar un Comité de Traballo para organizar o vindeiro curso.

Remata a xuntanza sendo ás 19.05h.