SOBRE AS MEDIDAS PROVISIONAIS EN TEMPOS DO COVID-19

A central sindical USDG denuncia a actuación da Consellería de Educación en relación ao comezo da terceira avaliación. De novo os nosos responsables políticos semellan estar máis interesados no rédito político e electoral ca na solución dos problemas da comunidade educativa.

Levamos unha semana de curso e tan so temos instrucións provisionais. Demóstrase de novo a falta total de previsión por parte da Consellería e do Goberno Central, levamos máis dun mes de confinamento, tempo suficiente para teren decidido que facer coa educación.

Á indefensión e ansiedade innecesaria provocada pola insistencia en manter a OPE de educación agora súmase a liorta política por rabuñar uns votos. Non queremos discursos baleiros, nin cartas indignas, queremos actuacións adecuadas á crise que estamos a vivir.

Reiteramos o noso apoio ás demandas da CONFAPA e Anpas Galegas tendo en conta a desigualdade manifesta que supón o ensino telemático, tanto pola fenda dixital como social. Como recolle o escrito presentado por ditas organizacións, solicitamos:

  • Dar por finalizado en termos de avaliación o curso escolar 2019-2020 con data 13 de marzo, mantendo o calendario escolar.
  • Establecemento de criterios de avaliación excepcionais que permitan a promoción do alumnado.
  • Reorganización de currículos de cara o vindeiro curso.
  • Traballo conxunto e consensuado na procura de mecanismos compensatorios que eviten no curso 2020-2021 un traballo inasumible para unha parte do alumnado.
  • Participación de todos os procesos de toma de decisións nos órganos correspondentes e que as mesmas conten co apoio e aprobación das organizacións de nais e pais así como das centrais sindicais.

Así mesmo queremos denunciar o ERTE encuberto levado a cabo pola Consellería no seu empeño de non cubrir todas as substitucións xurdidas durante o confinamento. Din que cubrirán tan so as substitucións esenciais, isto demostra que para a Consellería hai alumnado e profesorado non esencial, unha vez máis o desprezo absoluto pola comunidade educativa asoma na actitude dos responsables políticos.

Levamos un mes de crise e xa comezan os recortes, ás dificultades do ensino telemático haberá que sumarlle a falta de persoal e a sobrecarga de alumnado, polo tanto unha diminución da calidade do servizo prestado.

Moitas das nosas compañeiras quedan na rúa sen posibilidade de traballar, de novo a administración cébase coas máis débiles, as traballadoras temporais.

O confinamento obríganos a estar pechados nas nosas casas, mais que se vaian preparando, a Consellería vaise encontrar unha vez máis cos berros da sociedade galega:

NUNCA MÁIS APROVEITAR UNHA CRISE PARA DEVALUAR SERVIZOS PÚBLICOS!

NUNCA MÁIS UTILIZAR A EDUCACIÓN COMO ARMA ELECTORAL!