OPE 2020: USDG PIDE A DIMISIÓN DA CONSELLEIRA POMAR E DENUNCIA A INCOMPETENCIA DE FEIJOO

Cando pensábamos que era imposible facer peor as cousas, a nosa excelentísima conselleira de educación supérase de novo.

Tras non dar ningunha directriz ao profesorado, desentenderse do alumnado sen medios para recibir clases con certa normalidade…. a Sra. Pomar envía comunicados baleiros de contido, pero iso si, nos que demostra unha vez máis que desatende a situación alarmante actual.

En medio dunha crise sanitaria, cunha OPE considerada ilegal polas institucións europeas segundo o manifestado recentemente polo TXUE, a Consellería segue co proceso coma se nun período de vacacións estivésemos, amosando unha falta de respecto imposible de asumir para opositoras e profesorado.

Supoñemos que a conselleira non descoñece que nestes momentos hai profesorado e opositoras infectadas polo virus ou/e tamén familiares que están ao seu coidado.

Non é tan só xogar coa saúde de milleiros de persoas e intentar expoñelos a un risco que aínda está por cuantificar polas autoridades sanitarias, é tamén un exercicio de irresponsabilidade por canto é imposible a día de hoxe garantir ao 100% a celebración das oposicións, tal e como recoñece ela mesma.

Pedimos a dimisión da Conselleira pola incompetencia absoluta da súa área na Galiza e xogar coa vida de milleiros de galegas. Precisamos persoas que desenvolvan con profesionalidade un cargo político do que depende o futuro da sociedade galega.

ACTUALIZACIÓN: FEIJOO INCIDE NA LIÑA DE CARMEN POMAR

Na comparecencia deste mediodía o presidente da Xunta de Galicia responde aos xornalistas e por vez primeira dedica uns minutos a falar do ensino galego. Nas súas declaracións o dirixente popular fala de non ter competencias para decidir o que pasa co Ensino en Galicia, xa que é unha decisión estatal, obviando que si a ten para ditar instrucións temporais para a xestión educativa na Comunidade, como fai de continuo a Consellería cando atopa baleiros legais na normativa estatal, e que siguen sen existir un mes despois do inicio da crise.

VER VÍDEO AQUÍ

Unha vez aclarada novamente a cuestión universitaria, con formación telemática, para quen teña acceso, e exames e probas non presenciais por determinar, fala do adiamento da OPE. Comeza por falar de Euskadi, como vén sendo habitual nas súas declaracións, xa que parece que o representante galego vai ao compás do que deciden alí e en Madrid, sen un criterio propio ao que atender, salvo neste asunto concreto, onde decide que Galiza siga a ser a ÚNICA COMUNIDADE do estado español sen decidir a suspensión ou adiamento das probas.

Sigue deixando a decisión no aire, igual que a Sra. Pomar, xogando connosco, pretendendo que unhas probas que ben sabe que van ser tumbadas antes ou despois por ilegais, sigan en pé. O fillo dos Peares mostra un desprezo absoluto ao pobo que di representar, primando o seu interese electoralista e económico.

Só podemos entender esta situación no contexto de presión de academias e sindicatos interesados, como CCOO, quen xa manifestou que se proporcionen mascarillas e xel, espazos amplos etc no caso de facerse.

O profesorado galego e opositores piden a paralización inmediata destes procesos e que o señor Feijoo lembre que el é interino, polo de agora ata o mes de outubro e que os galegos non imos aturara que siga a xogar coa nosas saúde e familias.