ENSINO GALEGO E CRISE COVID-19

Os profesorado membro da USDG-CUT queremos trasladar ao conxunto do profesorado galego e á opinión pública, o noso posicionamento arredor do proceder e devir no eido do ensino nas tres últimas semanas de excepcionalidade académica.

Onte mesmo recibimos a primeira comunicación oficial por parte da Consellería de Educación , na voz da súa máxima responsable Carmen Pomar. Nela simplemente tenta dar azos e subliñar o importante papel do profesorado galego tras semanas de caótica xestión educativa nas que estiveron completamente ausentes da mesma. A conselleira e os seus inmediatos cargos responsables de área e Xefaturas Territoriais están a actuar cun desleixo nas súas funcións que sitúa á comunidade educativa galega no absoluto caos dende hai xa 3 semanas, suplido polo sobresforzo do persoal docente e a colaboración das familias.   

Dende o 12 de marzo, a gaceta oficial da Consellería é La Voz de Galicia, medio polo que se tivo coñecemento da decisión da suspensión de clases ou decisións relativas ás oposicións 2020. Ningún profesor galego, profesora ou cargo directivo, tivo comunicación oficial de tal feito ata ben entrado o día 13, no que os equipos directivos contactaron para informar da suspensión oficial das aulas.

Trala suspensión anunciouse que se seguiría con telensino e con materia non avaliable, sen máis indicacións, polo que cada centro educativo decidiu xestionarse como considerou máis oportuno. Algúns deles seguindo directrices da Dirección, outros con cada profesor actuando de modo particular, etc.

Falamos da fenda dixital, da particularidade do rural disperso galego, das diferencias socieconómicas que impide ao alumnado acceder á tecnoloxía que outros teñen ao seu alcance, e mesmo de profesionais docentes que non dispoñen dos medios por múltiples circunstancias xa que son os seus propios medios os que deben pór a traballar nas súas casas: ordenadores, teléfono, tabletas, internet, etc. Ben era que os medios de traballo fosen proporcionados polo empregador, pero isto non ocorre no caso dos docentes galegos, algúns deles desprazados do seu domicilio habitual ou con redes de conexión moi febles.

Engadir que non existe un plan específico de formación en TICS para o profesorado, por máis que sexa unha competencia transversal nas materias a impartir e que debese ser incorporado como obrigatorio tan pronto como nos sexan devoltas as horas lectivas que se aumentaron gratuitamente por mor da crise económica precedente. Esas horas redundarían nunha mellora formativa a todas luces necesaria nestes intres, e en previsión de momentos similares nun futuro que se aveciña con pandemias cíclicas por mor do ciclo económico capitalista e globalizador do neoliberalismo imperante.

Ademais de todo o sinalado, a Consellería comunicou, novamente pola prensa, que non vai cubrir ningunha baixa do profesorado durante o Estado de Alarma e que serán os Departamentos Didácticos os que asuman o traballo do persoal de baixa, algo completamente inasumible, xa que sería engadir máis traballo ao resto de docentes, que nin sequeran coñecen ao alumnado que deben asumir a maiores, ademais de incumprirse sen motivo o acordo de interinos da Consellería, facendo un ERTE encuberto nas listas de contratación temporal ata que finalice o confinamento de escolares. Parécenos que o único que se fai con este anuncio é desprezar o grande esforzo dos docentes nestes tempos de crise, con sobrecargas de traballo que non poden nin deben asumir baixo ningunha circunstancia. O teletraballo é traballo e debe ser cuberto cando o profesional docente estea ausente.

Volvendo ao alumnado, nestes días a nosa mocidade está a sufrir unha situación de peche excepcional, cos trastornos sociais e familiares que supón a crise do COVID-19, ben por causa da propia enfermidade, ben por causa de familiares sufrindo ERTES e situacións laborais e económicas complexas, a maiores do impacto psicolóxico que poida ter esta saída drástica do entorno habitual de socialización dos menores. Ao tempo algúns deles reciben tarefas e outros non, algúns teñen condicións familiares e económicas para realizalas e outros non, creando unha enorme desigualdade de oportunidades entre eles que sigue a furar na diferencia de clases. Todo isto apunta a que o Ensino Público non é unha prioridade para o goberno galego, afondando máis nas diferencias de clase dos fillos da clase obreira galega. USDG-CUT esixe ao goberno galego unha batería de medidas, claras, concisas e publicadas por medio do DOG, para paliar esta situación de desigualdade de cara a final do curso escolar e o vindeiro curso 2020-2021.

Nesta batería, da que USDG-CUT presentará proposta nos vindeiros días, debe incluírse unha revisión do sistema de ensino na súa totalidade, na que se poña en valor o mundo dos coidados nos centros educativos, a vida no centro, o ecofeminismo, a vida en comunidade e en cooperación, asumíndonos como seres interconectados que precisan uns dos outros e non quedarmos no sistema produtivo de valor de mercado, senón de valor real e social nas nosas vidas.

Debemos deixar de orbitar arredor de aspectos económicos, con obxectivos exclusivamente darwinistas, competitivos e individualistas, nos que se prima a creación de emprendedores autónomos ou asalariados mansos, que deixen de lado as súas vidas: aos seus maiores, vida familiar e crianzas a cargo doutras familias tamén precarizadas coma as migrantes ou clases socioeconómicas máis deprimidas e apartándonos tamén de todo aquilo que non teña valor de mercado: sérvese entón da redución de dereitos laborais, vacacións, ERTES, ERES, despedimentos libres, etc. , dos medios de comunicación aos que alimentan e dos sindicatos subvencionados que aplauden as medidas menos prexudiciais para o patrón.

Só cun cambio no modelo socioeconómico podremos variar o noso destino, comecemos pola base: a educación en coidados e na vida en conexión coa terra, dos nosos fillos e fillas.

Secretariado Nacional de USDG-CUT

Na Galiza, 03 de Abril de 2020