USDG-CUT denuncia a incompetencia da Xunta na xestión do peche dos centros

O sindicato USDG quere denunciar a ineptitude e falta de profesionalidade da Consellería de Educación na xestión das medidas tomadas para a contención do COVID-19.
O mércores día 11 de marzo os equipos directivos dos centros educativos foron convocados para unha reunión coa Consellería na cal informóuselles de que non se suspenderías as clases e non pecharían centros educativos salvo a existencia de contaxiadas/os. Ese mesmo día esta información foi trasladada polos equipos directivos aos claustros.
Poucas horas máis tarde producíronse filtracións que xa anunciaban o peche inminente de centros, a decisión xa estaba tomada pero moitas/os de nós enterámonos polo alumnado ao día seguinte.
O xoves día 12 de marzo o presidente da Xunta, en rolda de prensa, anuncia o peche dos centros educativos sen previo aviso aos equipos directivos dos mesmos. Esta situación creou un caos absoluto pola falta de posibilidade de organizar a actividade docente co noso alumnado durante a duración do peche.
Os feitos anteriormente relatados evidencian a ineptitude da Consellería de Educación no anuncio do peche, por canto supoñen unha opacidade absoluta e falta de comunicación coa comunidade educativa, polo tanto o desprezo cara ela, e supoñen un grave prexuízo para actividade de ensinanza-aprendizaxe. Foi imposible contactar co alumnado e organizar con xeito as actividades telemáticas o que provocou unha perda de tempo valioso para alumnado e profesorado.
Por outra banda a intención da Xunta de obrigar a realizar teletraballo desde o propio centro educativo pareceunos unha temeridade, xa que supoñía comprometer a saúde das/dos traballadoras/os, contradicindo absolutamente as indicacións das autoridades sanitarias.
O feito de obrigar a actividade telemática presencial evidencia un ataque a nosa dignidade como persoas e traballadoras/es, supón a consideración por parte da Consellería de Educación de que o profesorado sen supervisión non realizamos a nosa labor. Ese é o nivel de pouco respecto e desconfianza que lle merecemos á Xunta.
Ante a presión exercida pola comunidade educativa a Consellería decidiu “lavar as mans” e trasladar a responsabilidade da asistencia ou non das/dos traballadoras/es ao centro aos equipos directivos. Este feito demostra unha total falta de responsabilidade da Consellería nas súas funcións e o seu desprezo absoluto cara os equipos directivos.
Posteriormente a Xunta de Galicia decidiu que asistisen os equipos directivos en exclusiva, outra medida que tampouco entendemos posto que nada hai que facer nos centros. Todo sexa por cargar enriba das/os profesionais da educación a responsabilidade pola incompetencia e a falta de previsión das autoridades políticas. Finalmente, e evidenciando o sen sentido desta instrución, a Xunta rectificou, os equipos directivos non terían que acudir ao centro.
Por todo isto esiximos a dimisión da Conselleira de Educación, Dona Carmen María Pomar Tojo, e sexa substituída por unha persoa con capacidade e respecto pola comunidade educativa en xeral e o profesorado en particular.