O PROFESORADO GALEGO SEGUIRÁ EN RISCO POR COV-19 ANTE O DESLEIXO DA CONSELLERÍA NA PROTECCIÓN DOS DOCENTES

Resultado de imaxes para: CORONAVIRUS COLEGIOS
DOCENTE NUNHA AULA BALEIRA

Desde USDG-CUT queremos amosar o noso rexeitamento absoluto ás instrucións dadas pola Consellería de Educación a raíz da suspensión das actividades lectivas anunciadas pola prensa na mañán do día de hoxe.

Ao longo da tarde a Central Unitaria de Traballadoras-CUT interpelou á Xunta de Galicia no cumprimento da normativa que permite ao profesorado galego a faltar de forma remunerada ao seu posto de traballo ante a necesidade de coidados de maiores ou menores ao seu cargo, como deber persoal inescusable, recollido na orde de permisos e licenzas e que a todas nesta situación nos corresponde.

Ademais a USDG-CUT esixe á Consellería as seguintes medidas como garante dos servizos públicos universais e como exemplo de boa xestión tanto na contratación de persoal temporal como xestión de subcontratas:

  1. Continuidade da contratación de todo o persoal en activo a día de suspensión de clases, incluíndo aos substitutos que deban ser nomeados ante posibles baixas derivadas polo coronavirus ou calquera outra enfermidade, en tanto os docentes están obrigados a acudir ao seu posto de traballo.
  2. Continuidade dos contratos do persoal de servizos subcontratado interrompidos durante a crise: comedores, limpeza, cafeterías etc por causa de emerxencia sanitaria.
  3. Exención da obriga de acudir ao centro de traballo por parte do profesorado para proporcional educación a distancia telemática. Isto pódese facer desde a casa, e incluso hai moitos centros onde o profesorado non dispón de suficientes medios telemáticos para todo o claustro. Non ten sentido que parte da comunidade educativa siga nos centros sen actividade lectiva.
  4. Exención da obriga de acudir ao seu posto de traballo ao persoal de Administración e Servizos do Centro, dado que non haberá traballo que atender de forma presencial. Calquera xestión administrativa poderá solicitarse por correo e atender ao finalizar dita crise.
  5. A consellería fala de peche dos centros educativos, cousa que non é certa ao permanecer nel o profesorado e persoal docente que traballa co alumnado, con claustros en moitos casos que superan as 50 persoas establecidas como límite grupal.
  6. As actividades que se envíen de forma telemática non serán avaliables, polo cal, entendendo que se garante a continuidade educativa para os alumnos que o desexen, leva a un traballo docente que contradi toda normativa vixente, en canto toda actividade docente debe ser avaliada e autoavaliada.
  7. O Presidente do Goberno do Estado indicou a posibilidade de adaptar e acurtar o número de sesións anuais obrigatorias no ensino, polo que non é necesario achegar dito traballo non avaliable nestas 2 semanas de peche, senón reducir o currículo como medida extraordinaria no presente curso lectivo.
  8. Vai contra toda lóxica suspender as actividades de Fomación presenciais e non a asistencia aos centros dos implicados nas mesmas. Neste punto parece que os formadores son os únicos protexidos a raíz desta suspensión, non os asistentes que seguirán en contacto no centro de traballo.
  9. Os centros deben ser pechados e hixienizados. O problema pode permanecer no centro se nel permanecen os docentes, que poden contraer o virus na súa vida diaria e trasladalo nestes 14 días ao centro de traballo, creando inseguridade tras este período.

Na Galiza, a 12/03/2020

Andrea Estévez Barreiro

Secretaria Xeral de USDG-CUT. Docente no IES Montecelo.