USDG-CUT ASINANTE DO COMUNICADO DE FEMINISTAS AUTÓNOMAS GALEGAS EN APOIO Á FOLGA DO 8M

USDG-CUT, acordou na última asemblea celebrada o 8/02/20 apoiar a folga de mulleres do vindeiro 8M coa participación na sinatura do seguinte comunicado:


Recoñecémonos nos feminismos autónomos e anticapitalistas. Somos mulleres que nos organizamos en pequenos colectivos feministas, en organizacións ou espazos que asumen o feminismo como unha liña de traballo e de transformación do noso entorno.

A nosa forza dispoñémola para a loita, para a desobediencia, para berrar ben alto que non imos ser máis escravas de toda esta violencia que nos mata día a día, que destrúe todo canto hai. Temos que devolver ao mundo a humanidade que perdeu e enfrontarnos ao medo e á apatía, a pesar de seguirmos baixo a lousa dun sistema corrupto, loitando en prol da vida.

Os feminismos autónomos asinantes e outras moitas mulleres que o demandan nas rúas, nas redes, nos medios…, apoiamos e celebramos a decisión de levar a cabo a convocatoria da Folga de Mulleres para o vindeiro Domingo 8 de Marzo.

Entendemos que a folga segue a ser unha ferramenta de loita, de disidencia fronte a un sistema salvaxe como é o neoliberal, que escraviza a nosa forza de traballo en prexuízo da vida e que promove o espolio de territorios e a destrución da natureza para perpetuar o sistema de explotación produtiva, dos intereses de mercado en beneficio e baixo o poder dunhas poucas mans.

Achamos que os feminismos que cuestionan as estruturas do sistema capitalista, colonial, racista, clasista e patriarcal e ecocida; que defenden a liberdade e a xustiza para toda a humanidade, os servizos públicos e a desmercantilizacion da vida; que bregan pola emancipación dos pobos e pola soberanía integral sobre as nosas vidas, corpos e territorios; que buscan construír formas de participación e acción verdadeiramente democráticas e desde a base, non poden silenciar unha convocatoria de folga internacional realizada por decenas de países.

Convocar folga este 8 de marzo continuando coa liña de traballo de anos anteriores e coa motivación das convocatorias de paros e folga xeral precedentes, converteu o 8 de marzo nun día histórico que ten as súas raíces na clase traballadora. É tarefa do feminismo devolverlle toda a súa carga política, lonxe de toda posta en escena propia do marketing e do feminismo máis liberal e institucionalizado.

O feminismo máis combativo non se pode permitir o luxo de perder esta forma de facer política e de loita: a folga. Combinada con marchas, paros, mobilizacións, boicots… e, sobre todo, reavivando o debate e poñendo o foco sobre que é traballo hoxe en día, pensando nas categorías tradicionais, que pasa co traballo reprodutivo e non remunerado?

Asumimos que a reprodución e a sustentabilidade da vida vense permanentemente ameazadas por este sistema e, por iso, sentímonos comprometidas a denunciar as súas políticas terroristas e a visibilizar a importancia dos traballos de coidados que historicamente realizamos as mulleres de forma gratuíta ou baixo condicións de grande precariedade e explotación.

Colocamos as vidas e traballos das máis precarizadas no discurso e na xornada de mobilización e loita para dar cobertura a aquelas que queiran exercer o seu dereito a mobilizarse, sexa domingo ou mércores. As loitas para mudar este sistema radicalmente non deberían rexerse polo calendario. Consideramos e coidamos o dia 8 de marzo polo seu valor simbólico, polo que representa para as loitas feministas en prol da emancipación, a xustiza social, a liberdade e o fin das violencias machistas.

Ofrecemos o noso apoio e a nosa solidariedade coas compañeiras que traballan os domingos como arma de loita, con aquelas mulleres que co seu traballo remunerado e non remunerado sosteñen o mundo. E alén da cuestión salarial, que acontece cos abusos e agresións sexuais nos espazos de traballo coa súa maior actividade na fin de semana: camareiras, cociñeiras, gogós, traballadoras sexuais,….? Non son elas traballadoras sufrindo violencia patriarcal no seu posto de traballo de forma continuada en sábado e domingo?

Desde o feminismo autónomo aquí reunido queremos construír un 8 de marzo transfeminista, anticapitalista, antirracista, anticarcelario, contra a precarización da vida e o espolio da natureza e pola soberanía integral.

Queremos xuntar as nosas voces e a nosa forza por unha folga feminista que tire as siglas e coloque as vidas con dignidade, xustiza e liberdade no centro. Queremos defender a vida, a terra e as relacións humanas saudables e cooperativas.

Queremos defender os dereitos lexítimos, defender o corpo como barricada, a acción como discurso. Por iso, xunto coas compañeiras dos países e pobos convocantes, sumámonos dende a Galiza á chamada á folga feminista internacional. Unímonos a elas nunha fronte común de loita e desobediencia, nun berro ben alto e forte que rompan as cadeas que nos oprimen e contra toda esta violencia que nos cae enriba, que nos mata día a día, que destrúe todo canto hai.

Defendemos tamén ás compañeiras que fican fóra do feminismo máis hexemónico, como as migrantes, traballadoras sexuais, trans e as compañeiras presas.

AS MULLERES SOMOS TRABALLADORAS 7 DÍAS Á SEMANA: NA CASA, NO TRABALLO, NA VIDA.

AQUÍ ESTÁ A NOSA ARMA NA REVOLTA FEMINISTA: FOLGA DE MULLERES DOMINGO 8 DE MARZO

Súmate aquí:

FORMULARIO DE ADHESIÓN

LISTA DE ASINANTES ACTUALIZADA