15F A REBELIÓN DOS TEMPORAIS EN FRAUDE DE LEI

15F A REBELIÓN DOS TEMPORAIS EN FRAUDE DE LEI

USDG-CUT en Madrid o 15F


O pasado 15 de febreiro manifestáronse en Madrid por volta de 12.000
empregados e empregadas temporais contratados en fraude de lei
por levaren anos e mesmo décadas a traballar, sendo vítimas do abuso da temporalidade, sen poderen neste tempo consolidar os seus postos de traballo polas malas prácticas das administracións ao non convocar os procesos selectivos en tempo e forma ou por ter convocado ridículas ofertas de emprego público, que non só teñen agravado a temporalidade no sector público (arredor do 30% -40 % no conxunto dos servizos públicos) senón tamén teñen minguado os servizos públicos reducindo os recursos humanos mediante esta estratexia política que magoa e adelgaza a cada vez máis o sector público.


A tal estratexia de ineficacia na xestión dos recursos humanos engadíuselle un decidido ataque contra o dereito á estabilidade destes traballadores. As administracións non fixeron nada por consolidalos, malia que a Unión Europea leva décadas a advertir sobre a fraude de lei que supoñen as contratacións interinas de longa duración. Velaquí a imperdoable traizón dos sindicatos asinantes do Acordazo: CCOO, UXT e CSI-F e daqueles que a consinten coa súa inacción na Galiza: CIG, STEG ou ANPE.


Poñer fin a este problema non só é unha cuestión de xustiza social, senón
que de conseguirmos o establecemento de medidas claras e contundentes para evitar o abuso da temporalidade pola vía normativa (mentres a sentenza sobre o abuso da temporalidade no caso dos funcionarios interinos do TXUE está ao caer) atinxiremos efectos dinámicos no longo prazo que evitarán que esta lacra da temporalidade se volva reproducir no futuro mercede ás malas prácticas da administración e á propaganda do interese político e sindical en cada conxuntura histórica. De conseguirmos isto, non só avanzaremos en materia de dereitos subxectivos no dereito do traballo, mais tamén avanzaremos nos dereitos obxectivos dunha educación pública de calidade coa estabilidade plena do seu capital humano.
A USDG-CUT xunto coa propia CUT, acudiu a esa manifestación poñendo a disposición de todos os temporais da Galiza dous autocares para facilitar o desprazamento dende todo o territorio. Énchenos de alegría ver como a conciencia de clase aflorou nesta marcha, á que nos acompañaron funcionarios de carreira e traballadoras da hostelería, na solidariedade coa clase obreira do ensino.

Percorrimos as rúas madrileñas manifestándonos con decidida enerxía, e tendo por certos os valores de xustiza social que estamos a defender entre todos os colectivos que se xuntaron nun chamamento sen siglas, con orixe nun grupo de 10 convocantes particulares afectados pola fraude de lei de todo o Estado, e co fin de visibilizar e rematar con este “conflito histórico” do abuso da temporalidade no eido do dereito do traballo público.

Daquela, seguiremos a turrar contra a mentalidade vaidosa daqueles que negan e tratan de silenciar a nosa loita desde o ámbito do ensino, pola lexítima defensa dos nosos dereitos e a defensa duns servizos públicos de calidade coa erradicación de vez do abuso da temporalidade, procurando unha saída xusta para todos e todas e que non deixe a centos de milleiros de parados de por vida, quedando o problema sen se resolver e puidéndose reproducir, aínda, no futuro.

USDG-CUT seguirá mobilizándose polos máis precarios.