RESUMO DO I CONGRESO NACIONAL DA USDG-CUT

CELEBRACIÓN DO I CONGRESO NACIONAL DA USDG-CUT: “A PRECARIZACIÓN DA CLASE OBREIRA NO SECTOR PÚBLICO”

O pasado sábado 14 de decembro tivo lugar en Compostela o I Congreso Nacional da USDG-CUT, na Casa das Asociacións de Cornes. A Unión Sindical de Docentes de Galicia é un sindicato de recente creación –marzo de 2018-, pero que na súa escasa vida, xa ten percorrido un longo camiño de loita e mobilizacións na rúa, nos xulgados e nos medios en xeral.

O Congreso comezou ás 10.00 h coa recepción dos congresistas, para desenvolverse en xornada de mañán no traballo de acción político-sindical cara os vindeiros anos. USDG reforzou as súas liñas de actuación na procura dun ensino igualitario, público e laico, e onde a Función Pública respecte  un sistema democrático, transparente e xusto no trato e condicións de traballo das súas empregadas.

No descanso entre sesións celebrouse unha comida de confraternización na que participaron, ademais dos  congresistas de USDG, membros da Central Unitaria de Traballadoras  – CUT. O seu Secretario de Relacións Internacionais e histórico sindicalista Manolo Camaño interveu ademais no Congreso como convidado, sinalando a necesidade de manter o camiño da loita sindical desde a base e de non decaer ante os múltiplos atrancos que a USDG poida atopar nos vindeiros anos.

Ás 16.30 reabríase a quenda de tarde do Congreso co relatorio organizativo, onde os compoñentes de USDG deron forma á súa estrutura, estatutos e organización para o futuro, ademais de marcar os principios ideolóxicos da USDG: independencia, asemblearismo, democracia, pluralismo, conciencia de clase, feminismo, defensa dos servizos públicos, da lingua galega, laicismo e unidade de acción sindical.

Neste bloque final, elixiuse a nova Executiva Xeral do sindicato docente, quedando os seguintes docentes como encargados do seu novo rumbo: Andrea Estévez Barreiro como Secretaria Xeral, Enrique Cardona Filgueira como Secretario de Organización e Iago Trillo Garea como Secretario de Acción Sindical.