ÁS PORTAS DO I CONGRESO NACIONAL DA USDG-CUT

“A PRECARIZACIÓN DA CLASE OBREIRA NO SECTOR PÚBLICO”

O sindicato de ensino público galego Unión Sindical de Docentes de Galicia, actualmente confederado coa Central Unitaria de Traballadoras CUT, celebrará o vindeiro sábado 14 de decembro en Compostela o seu I Congreso Nacional, trala súa fundación en 2018.

O Congreso será inaugurado pola súa actual Secretaria Xeral, Concepción Rodríguez, baixo o título “A precarización da clase obreira no sector público”. A USDG quere facer visible a manipulación e utilización do profesorado temporal como ferramenta para suplir os déficits provocados pola crise neoliberal da última década no sector público.

Neste I Congreso definiranse as liñas político-sindicais e organizativas da USDG, reforzando o seu carácter democrático e asembleario, ademais de ser elixida a súa nova executiva para os vindeiros 4 anos, tras saír fortalecidos nas últimas eleccións sindicais de 2018, no que o novo sindicato obtivo máis de 800 votos en 3 das 4 provincias galegas nas que presentou candidatura.

Como peche do Congreso, e trala presentación do novo Secretariado Nacional, intervirá o histórico sindicalista e actual Secretario de Relacións Internacionais da CUT Manolo Camaño.