APOIO DA USDG-CUT O 12 DE DECEMBRO


A USDG-CUT quere facer chegar ao profesorado a súa postura sobre a folga “unitaria” para recuperar o noso horario de 18 e 21 horas.

A USDG-CUT representa legalmente, aínda que desde fóra da Mesa, aos seus afiliados e a centos de docentes simpatizantes e fartos das medias verdades. Non fomos convidados a ningunha reunión ou convocatoria de folga polo resto de OOSS galegas, polo que non é unha folga unitaria na súa organización.

Porén e por máis que os que cortan o pastel nos tenten anular ou deixar fóra, seguimos traballando polo profesorado galego desde as nosas posicións. É por iso que nos adherimos libremente á folga e manifestación convocada o día 12 en Compostela, na que USDG-CUT participará tamén cos seus medios e simpatizantes.

Mais non podemos deixar pasar a ocasión para sinalar a relación existente entre o problema do excesivo horario lectivo e a inexistencia dun plan estratéxico coherente das necesidades de persoal, o cal leva parello unha errática política de creación de emprego público.


Esta falla de transparencia e de regularidade da oferta de emprego público ten provocado, dende hai xa moito tempo, varios problemas:

– A redución de persoal en todos os corpos e o consecuente aumento do horario lectivo.

– A proliferación de materias afíns e o abuso da temporalidade prolongado no tempo do persoal interino.


As organizacións sindicais (CCOO, UXT e CSIF) asinantes do acordo estatal, do que se derivan as últimas convocatorias de emprego público, teñen actuado coma “colaboracionistas” desta situación ao “branquear” a xestión dos recursos humanos por parte da administración.

Estas ofertas, incluída a última deste ano, prodúcense despois de moitos anos de non terse convocado procesos de acceso á función pública (hai especialidades que levan máis dunha década sen ser convocadas; noutras convócanse a decote un número moi inferior ás necesidades reais) consonte esixiría a Lei; mentres, todos estes problemas mencionados agraváronse.


As simples e serodias OEP non van solucionar a derruba que está a experimentar o sistema educativo. Esiximos por tanto dúas cousas para poñer fin á precarización do ensino no seu conxunto e asemade á precariedade do colectivo de interinos:

1. Unha política transperente e legal das necesidades educativas coa convocatoria regular de procesos de acceso (que non dependa do momento electoral, senón que se axuste á Lei de Función Pública ao respecto dos prazos legais de reposición de efectivos).

2. O establecemento de medidas compensatorias para o colectivo interino, en fraude de lei por abuso da temporalidade ao longo de moitos anos, e de medidas disuasorias que fagan que a Administración teña que establecer, dunha vez por todas, mecanismos claros, eficaces e axustados ao Dereito que eviten a redución silandeira do profesorado, o aumento dos horarios lectivos e o abuso da temporalidade coa figura dos interinos.

Por todo o exposto, adherímonos á folga e manifestación, reivindicando os nosos dereitos como docentes do ensino galego.

Secretariado Nacional de USDG-CUT