SOBRE O FRACASO DO ACORDAZO E O SEU INTENTO DE PRÓRROGA

O sistema educativo en todo o Estado está afectado por problemas que, lonxe de se iren solucionando pola vía da negociación sindical, vanse agravando dende hai xa moito tempo: alta taxa de abandono escolar temperán, falla de atención individualizada aos alumnos con NEAE, excesivo horario lectivo para os docentes en comparanza cos países da nosa contorna, aumentando a carga de traballo dos profesionais do ensino e déficit dos cadros de persoal. Estes son os trazos básicos, entroutros moitos, dun sistema educativo que día a día perde calidade e capacidade para atinxir a igualdade de oportunidades para o noso alumnado e unha perspectiva de futuro para grande parte da nosa mocidade.

A USDG-CUT leva no seu ADN loitar e denunciar esta inxustiza colectiva que atenta contra un dos piares básicos da nosa sociedade: a educación. Mais non o fai dende unha acomodada posición, coma si o fan os sindicatos tradicionais, que o único que levan feito nestes últimos anos é asinar un vergoñento “acordazo” co goberno anterior e que tristemente segue en vigor, senón que o facemos por estarmos situados no “ollo do furacán” dende onde estamos dispostos a sinalar as contradicións deste sistema.


Somos un sindicato formado maioritariamente por docentes temporais, mais tamén por persoal fixo, xa que o que nós reivindicamos no soamente procura atopar o noso lexítimo dereito á estabilidade mediante mecanismos legais e xustos, senón que procuramos a mellora obxectiva do sistema no seu conxunto, sinalando e loitando para isto contra a desigualdade de trato e o abuso da temporalidade.


A derrota do ensino público, como calquera feito histórico, está a ser posible por varias razóns, unhas evidentes e outras, máis graves se cadra, latentes. As evidentes son as provocadas pola Administración, responsable dunha política educativa pouco transparente, que non recoñece cales son as necesidades reais do sistema, as restricións orzamentarias, a mesquindade da súa política de investimentos no ensino e a falla dunha creación de emprego público regular conforme en tempo e forma ao que a Lei esixe. Grazas a isto, o déficit dos cadros de persoal é unha realidade hoxe aceptada por grande parte da comunidade educativa. Así, existe unha mentalidade en grande parte da comunidade educativa, e para alén dela, na sociedade, de aceptar este statu quo sen máis. Son estas as causas latentes: a mentalidade dos sindicatos tradicionais, algúns autodenominados “de clase”, e de boa parte do profesorado non solidario e proactivo.


Pola contra, como dicíamos, o único que conseguiron os sindicatos tradicionais foi asinar o “acordazo” ou mal chamado “acordo pola estabilidade”, pensando que con isto abondaría para reverter o fracaso do ensino e frear a “desafección do profesorado” pola vía da redución da interinidade ata chegar ao 8%.
Estas son as teses destes sindicatos asinantes do acordazo, e de seguro dalgúns outros sindicatos máis que non asinaron este “acordazo”, mais que forman, como dicíamos parte deste statu quo.

Achegamos unha táboa proporcionada por algún destes sindicatos onde se reflicte que a temporalidade no ensino fica por volta do 20% para o Estado e do 10% para Galicia. De seguro estas taxas de temporalidade son maiores, xa que todos os cursos un número sensible de vacantes son adxudicadas con posterioridade ao CAPD.

Fonte: CSIF. 29 de outubro de 2019 

Como sempre, ante esta situación vergoñenta de recurso sistemático ao tronzamento dos cadros de persoal e de recurso abusivo á contratación temporal, queremos volver manifestar, máis unha vez, a iniquidade dos procesos de acceso á función pública docente: non se respecta a fórmula preceptuada pola Lei do concurso-oposición, datas claramente desfavorables para o persoal que presta servizos, subxectividade dos criterios de cualificación, falla do dereito de revisión do exame, non publicación das notas á maior brevidade posible para evitar facer coincidir “á mantenta” o número de aptos con número de prazas coa que se supón dispón cada tribunal (nun concurso-oposición suponse que para que exista competición real na fase de concurso debe aprobar un número maior de aspirantes na fase de oposición, para que así haxa unha competición real na fase de concurso…) Nós, USDG-CUT, estamos pois nesa contradición do sistema: abuso da temporalidade e desigualdade de trato.


Sabemos que a vindeira sentenza do TXUE contra o abuso da temporalidade no traballo, mesmo no sector público, pese a quen lle pese, en relación á cláusula 5ª da Directiva 1999/70 xogará ao noso favor, coma así ten acontecido coma efecto da transposición da cláusula 4ª: dereito a trienios, licenzas, permisos e excedencias etc. que foron rachando con ese statu quo atacando pola fronte da igualdade de trato e non discriminación.

Aínda segue a haber discriminación entre fixos e temporais: desigual reparto de horarios e grupos (ben o sabemos) e desigual dereito á atención sanitaria, xa que os fixos contan cobertura de seguro de saúde privado (outra desigualdade) que xustifica situacións inxustificables para o SERGAS.


Nós esiximos que se regularice a nosa situación, sexa pola vía normativa ou xudicial. O “acordazo” non nos interesa nin a nós nin debería interesar á comunidade educativa. Precisamos rematar con abuso da temporalidade e a desigualdade de trato mediante outras vías. Ademais estaremos alí onde os problemas do ensino sexan máis magoantes, apoiando ao alumnado que máis o precise e as súas familias; denunciando o desleixo da Administración na xestión da educación.


Seguiremos a loitar e a mobilizármonos na rúa. A nosa loita, a loita contra a precariedade e a desigualdade de trato, non é só para nós, senón para todos e todas. Na medida en que resolvamos este conflito histórico, poderemos obrigar á Administración a ser máis transparente en materia de creación de emprego e de investimento en persoal e recursos. Isto será unha vitoria de toda a sociedade e non só do noso colectivo.

Para alén disto, conseguirmos a igualdade de trato e a non discriminación, con igualdade de horarios e repartos equitativos de grupos, son a base dunha xestión democrática entre os profesionais do ensino nos centros educativos.


Seguiremos na loita, sempre que siga a haber un facho de luz no horizonte.

Alfonso Álvarez. Secretario Xeral de da Sección de Pontevedra. USDG-CUT.