QUEIXAS DO COLECTIVO DE MESTRAS DE FRANCÉS

Somos de novo o grupo de francés e queremos denunciar unha cousa que pasou o día 4/10/2019 na lista de francés. Unha compañeira colleu onte a baixa xa que dará a luz nun mes. No seu colexio (CEIP O Coto, Negreira) aprobouse por parte do Claustro e da Inspección un proxecto para dar francés este curso en 6° de primaria (na hora de libre configuración). Pois ben, hoxe deuse a súa vacante a unha compañeira de primaria (sen francés) e decidiuse dende o centro eliminar a materia de francés que xa se implantou este ano, xa que a substituta non é especialista en francés. Isto non é xusto! Non é xusto para os nenos/as do centro que xa comezaron con esa materia, non é xusto para a compañeira, que polo feito de ser nai ve truncada a posibilidade de dar francés este ano no seu centro despois do traballo que lle costou levalo adiante e non é xusto para toda a xente que estamos nesa lista pelexando por meter o francés nas escolas e contribuír ao plurilingüismo do que tanto presume a Lomce. Non entendemos por que non hai unha previsión e non se abren as listas ou se busca unha solución a todo isto.

Por outra banda, está pendente de darse unha vacante por francés en Vigo no CEIP García Barbón, no que se reflicte que se dá francés nos comentarios. Estivemos rastrexando a lista de primaria e atopamos a unha compañeira con perfil de francés (que ten restrinxida a provincia da Coruña). Por que non a chaman a ela para que poida cubrila? En primaria co perfil de inglés sempre o fan! Non temos os mesmos dereitos os de francés que os de inglés?

Gustaríanos saber que vai ser de nós e como podemos manter viva a loita pola nosa lingua francesa ante tantas inxustizas que vemos nas listas.