RESULTADOS DAS OPOSICIÓNS: DENUNCIA PÚBLICA

                       

 A USDG-CUT quere máis unha vez denunciar publicamente a inxustiza e a arbitrariedade con que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional resolve os procedementos selectivos de acceso á función pública docente.

            Este sindicato xa ten denunciado estes procedementos. Pola vía contenciosa fixémolo contras as bases da convocatoria da OEP de 2018. Publicamente fixémolo con protestas diante de San Caetano, con comunicados dirixidos á Consellería e mediante comunicados públicos dirixidos á Comunidade Educativa.

            Despois dunha longa etapa de recortes e de destrución de emprego público e conxelación das convocatorias de acceso, temos asistido a uns procedementos selectivos de acceso á función pública docente con resultados catastróficos: en case todas elas foron suspendidos entre o 80% e o 90% dos aspirantes, xa dende a primeira proba da fase de oposición.

            Dende un punto de vista da xestión dos Recursos Humanos, isto prodúcese por dous motivos: primeiro, polas deficiencias técnicas da propia Consellería, que non quere recoñecer que é incapaz de asegurar un seguimento xusto do proceso. En segundo lugar, por mor das irregularidades que se veñen producindo en todas as convocatorias: a opacidade dos criterios de cualificación da primeira proba (publícanse uns xenéricos de avaliación uns días antes do exame), a imposibilidade de poder revisar o exame unha vez feito, a non publicación das notas de suspensos da primeira proba ao mesmo tempo que os de aprobados, o significativamente baixo número de aprobados nesa primeira proba, a de coñecementos científico-técnicos, as notas baixas e ou moi baixas, o escaso tempo de correccións co que contaron os tribunais, o elevado número de aspirantes por tribunal etc. Citamos algunhas irregularidades, entroutras moitas, que serven coma indicios de que estes procesos son arbitrarios, inxustos e opacos.

            Mais o peor disto, e que mesmo podemos dicir que é unha ilegalidade , é que só pasaron á fase de concurso practicamente o mesmo número de aspirantes que prazas tiña cada tribunal. Así, a fase de concurso perdeu a súa específica función; todo isto tivo lugar sabotando as normas da propia convocatoria. Sabotouse a fase de concurso (concurso-oposición) e a fase de didáctica, creando un proceso no que practicamente ninguén supera a primeira proba, agás aqueles dedicados plenamente ao estudo (os aspirantes non traballadores, de baixa ou con permisos para estudar ). Tales resultados son inadmisibles (podemos ollalos na táboa) e, non son, tal e como aduce a Consellería, pola “falla de nivel” dos aspirantes. Isto acontece porque existe unha práctica consciente de boicotear o papel decisorio da fase de concurso, o cal é ilegal xa que se está a conculcar o sistema selectivo dos funcionarios de carreira preceptuado baixo a fórmula do concurso-oposición, que prescribe a disposición adicional 12ª.1 da L.O. 2/2006 de Educación.

            Moitos destes suspensos son funcionariado interino e substituto licenciado ou graduado, con anos de experiencia, que ve mutiladas ,convocatoria tras convocatoria, as súas expectativas de progreso na carreira docente e, para alén disto, vive ameazado, e as súas familias, pola precariedade laboral que se deriva da falla secular de regularización do emprego temporal no sector público.

            Voltamos pois a esixir non só un sistema de acceso á función pública docente xusto, máis tamén esiximos medidas claras e decididas a procurar á estabilidade laboral do colectivo de traballadores temporais en fraude de lei, a fin dos recortes de persoal no ensino, unha carga horaria lectiva razoable para os docentes, ratios de alumnos aceptables, atención á diversidade digna e de calidade nos centros educativos e unha política educativa máis transparente e democrática.

Alfonso Álvarez. Secretario da Sección Sindical de Pontevedra de USDG.

Advertisements