CONCENTRACIÓN EN SAN CAETANO 15 DE XULLO

A USDG (Unión Sindical de Docentes de Galicia) somos un sindicato que vela polos dereitos do profesorado do sector público. Entre as nosas reivindicacións asumimos as demandas do colectivo de persoal temporal (interin ou substituto) ante á necesidade dun verdadeiro proceso de estabilización das/os traballadoras/es.

A Consellería de Educación anunciou no ano 2019 a realización dun novo proceso de estabilización do persoal temporal mediante a convocatoria de  ofertas públicas de emprego. Este proceso de estabilización enmárcase no acordado polo goberno central e sindicatos no xa coñecido como “acordazo”. Dito proceso de estabilización derívase das esixencias da UE sobre a necesidade de que o Estado español rebaixe a cantidade de persoal temporal traballador da administración por embaixo dun 8%, salientando a situación de abuso e irregularidade que provocaba o mantemento en precario de gran cantidade do colectivo traballador temporal público.

O devandito “acordazo” foi, e segue sendo, denunciado por multitude de colectivos de persoal traballador da administración así como numerosas organizacións sindicais de todo o Estado español. Foi cualificado como un verdadeiro ERE encuberto na administración por non teren en conta as necesidades e características do persoal temporal e polo tanto imposibilitar a estabilización. Os diversos anuncios de ofertas públicas de emprego teñen o obxectivo de cambiar unhas traballadoras por outras máis baratas, non estabilizar emprego como anunciaron. Isto únese a que, pese ao anuncio de fin de recortes nos servizo públicos, non se convocan prazas que permitan aumentar o número de traballadoras/es, están só a cubrir xubilacións e nada máis. Polo tanto, encontrarémonos cuns servizos públicos recortados en persoal e cunha gran diminución na súa operatividade pola perda de traballadoras/es con experiencia nas súas respectivas áreas. Denunciamos que o “acordazo” é unha estafa á sociedade.

Nestas últimas semanas estamos asistindo a un capítulo máis da estafa do “acordazo” en Galicia xa que a OPE do 2019 de educación, pese a presentarse como un proceso de estabilización, non asume ningunha das demandas do colectivo do persoal temporal que permita lograr a necesaria estabilización do emprego público. Polo tanto a USDG considera que isto é un atropelo manifesto aos dereitos do profesorado temporal de Galicia.

            O resultado é unha auténtica desfeita, apenas un 5-10% do persoal aspirante aproba a primeira proba, o que evidencia a existencia de cupos para pasar á segunda proba tal como esta central sindical vén denunciando nos últimos anos (https://usdgal.wordpress.com/2019/07/07/sobre-os-cupos-na-1-proba-aos-tribunais/). A isto únese a escuridade e falta de transparencia do proceso: miles de aspirantes suspensas/os que non poden saber onde fallaron nas probas porque non existen mecanismos para sabelo, descoñécense os verdadeiros criterios de avaliación das probas, a falta de anonimato como base do acceso á administración pública, os múltiples erros organizativos,….

A continuación un avance dos resultados na primeira proba en Galiza:

Resultados provisionais

Por todo isto convocamos unha concentración este próximo luns día 15 de xullo ás 12.00 en San Caetano.

Advertisements