SOBRE OS CUPOS NA 1° PROBA. AOS TRIBUNAIS.

Un segredo a voces deixa de ser un segredo e constata unha realidade, cando se repite oposición tras oposición.

Nestes días estase a constatar e denunciar publicamente o acordo dos cupos de aprobados entre tribunais na 1ª proba eliminatoria das probas realizadas o pasado mes de xuño.

Esta repetición constante mostra ás claras a mentira e manipulación nuns procesos de selección onde os presidentes dos tribunais din verse na “obriga” de facer un corte substancial de aprobados na primeira proba para que (vaia casualidade!) ao final aproben o mesmo número de prazas ofertadas ou pouco máis. Falan nos corredores dos centros da falta de tempo, do apurado do proceso e da imposibilidade de facelo doutro xeito. Algún di que non hai nivel???? Non hai nivel nos que levan anos traballados? Somos xulgados por compañeiros de departamentos co noso mesmo nivel ou parecido, e sen embargo permítense tales aseveracións nalgún caso, valorando exclusivamente un contido teórico de subxectividade manifesta na súa exposición.

Fálase dun excel que pondera as notas, fálase por detrás, fálase en baixiño, igual que se fala de listados de sindicatos con candidatos afiliados a favorecer con nomes e apelidos. Tamén se fala de pais amigos dos presidentes, desas probas fotocopiadas con anterioridade, da falta de anonimato, dun sistema impresentable. Fálase………….. pero nunca onde se ten que falar.


Dentro desta práctica de supresión de traballo para a 2ª proba, sempre aparece algún tribunal díscolo, que non segue as inxustas ordes dunha administración que sempre ten a tixola polo mango e que se beneficia duns procesos absolutamente aberrantes, con prazas escasas, penalizadores da experiencia e favorecedores de amaños.

Compañeiras membros dos tribunais: que sentido ten se non que se publiquen as notas finalizadas todas as lecturas e non día a día?

Como é posible que aspirantes a unha praza fixa, con experiencia de anos e anos, incluso décadas, demostrando a súa capacidade, coñecementos, valía, con contratos fraudulentos por parte da mesma administración que lles obriga a competir ata cos propios fillos e alumnado, non sexan quen de pasar unhas probas e cada ano se vexan na rúa centos deses traballadores?


Como é posible que para gobernar un país non se lles esixa nada aos gobernantes e incluso se demostre falsedade documental nos seus estudos, falsos títulos e prebendas por pertencer a tal ou cal partido político e despois, eses mesmos, sexan os que utilizan o poder para cometer todo tipo de ilegalidades na contratación pública ou deixar sen traballo a milleiros de persoas, de familias, de traballadores que xa viñan sendo abusados e utilizados nas súas profesións?

Xa está ben de calar, xa está ben de manter un sistema que só é para controlar e tamén privilexiar a uns poucos: aos gobernantes, e aos sindicatos traidores… todo isto, a costa de xogar coa vida das persoas.

Convidamos a os MEMBROS DOS TRIBUNAIS de calquera especialidade a relatar o que acontece desde dentro,a rebelarse contra este sistema e estar a carón dos compañeiros afectados por esta destrución dos seus postos de traballo.

ESCRÍBENOS!!! info@usdg.gal

Advertisements