ANÁLISE DA SITUACIÓN ALEGAL E ILEGAL NO ACCESO Á FUNCIÓN DOCENTE

Fronte a nova oferta de emprego público no ensino para 2019, a USDG quere manifestar o seu total desacordo con este sistema de acceso á función pública docente, que non garante un proceso xusto, obxectivo e transparente, tratándose dun sistema obsoleto para seleccionar ao profesorado e que ademais atenta contra as expectativas laborais e vitais e a estabilidade no emprego de milleiros de traballadores e traballadoras docentes cunha dilatada e valiosa experiencia no ensino. A sempre oportunista propaganda política da “ampla oferta de emprego público” e o tradicional colaboracionismo sindical, procuran agochar a substitución de milleiros de empregados e empregadas con experiencia profesional por outros traballadores, nunha deriva de destrución de emprego neto, sen repoñer todas as prazas que foron destruídas durante a crise, de xeito que non existe creación real de emprego para mellorar o ensino público galego. Estas políticas de precarización están a se cebar con especial intensidade co persoal interino e substituto do ensino, nun sistema que abusa da temporalidade e cuxos procedementos selectivos non reúnen as condicións que garantan un seguimento xusto destes procesos. ANTECEDENTES:1º) É unha práctica habitual que, convocatoria tras convocatoria, a Consellería de Educación e os tribunais de oposicións saboten a fase de concurso deturpando o concurso-oposición para reducilo a unha oposición libre, pura e dura. Convértese de facto nun proceso no que só superan a fase de oposición o mesmo número de aspirantes (ou practicamente o mesmo número) que número de prazas ten cada tribunal (acontece mesmo que nalgunhas especialidades o número de aspirantes que superan a fase de oposición é inferior ao número de prazas a cubrir). Deste xeito, o concurso, na práctica, queda reducido á nada, é dicir perde a súa específica función. Isto atenta contra o profesorado con experiencia e contra o seu dereito efectivo de computar os seus anos de servizo para o acceso á función pública docente.

2º) Tamén é unha práctica habitual que a Consellería de Educación e os tribunais de oposicións incorran na vulneración de principios básicos da normativa que regula o acceso á función pública docente FUNDAMENTOS DE FEITO: A nosa lexislación sectorial preceptúa o acceso á función pública docente, segundo a disposición adicional 12ª.1 da L.O. 2/2006 de Educación, mediante a fórmula do “concurso-oposición”. Isto é así por dous motivos: 1. Porque en carreiras esencialmente vocacionais, como o ensino (ou a sanidade) é de especial interese para o Estado e para a sociedade aproveitar a experiencia dos docentes que levan traballado na profesión a maior e mellor parte da súa vida profesional. 2. Porque é lóxico, de xustiza e xuridicamente incuestionable que a fase de concurso sirva para acreditar a experiencia dos aspirantes e que este “mérito” sexa tan determinante coma a “capacidade”, establecendo así unha verdadeira “igualdade”. De non ter a fase de concurso unha función específica, como acontece actualmente, o profesorado temporal non pode competir en igualdade de condicións. Coma vemos, debido á sabotaxe que se fai á fase de concurso estes procesos selectivos convértense en realidade nunha oposición sen concurso, que outorga unha ilexítima vantaxe a aqueles dedicados plenamente ao estudo (os aspirantes libres) ou traballadores que leven moi pouco tempo en activo (e que estivesen a estudar plenamente nun período recente anterior); de tal xeito que os traballadores de longa duración teñan moi poucas expectativas de superar estas probas (menos dun 20% de interinos de longa duración son quen de superar estes procesos debido ás cargas profesionais, familiares e ao propio desgaste de ter que se enfrontaren convocatoria tras convocatoria a un proceso que non é un verdadeiro concurso-oposición, senón só unha oposición libre, pura e dura).
Existen ademais outras moitas irregularidades, denunciadas perante o TSXG na última convocatoria de 2018 (pero que se levan producindo dende hai moito máis tempo), que fan que o sistema sexa pouco transparente, moi subxectivo e arbitrario (alén de ser tamén incoherente coa fórmula do concurso-oposición). Así, podemos citar, entroutras moitas irregularidades: a opacidade de criterios de cualificación da primeira proba (publícanse uns xenéricos de avaliación uns días antes do exame), a imposibilidade de poder revisar o exame unha vez feito, a non publicación das notas de suspensos da primeira proba ao mesmo tempo que os de aprobados (as notas de todos os aspirantes deberían ser publicadas ao final de cada xornada de corrección dos tribunais), as notas baixas e ou moi baixas (mesmo con probas nalgunhas especialidades en principio bastante fáciles de resolver), o elevadísimo número de suspensos e a coincidencia entre aspirantes aprobados e número de prazas por tribunal (o cal atenta contra a fórmula do concurso-oposición), o escaso tempo de correccións co que contarán os tribunais, o elevado número de aspirantes por tribunal etc. Citamos algunhas irregularidades, entroutras moitas, que serven coma indicios de que estes procesos son arbitrarios, inxustos e opacos.
FUNDAMENTOS DE DEREITO: O borrador da ORDE de convocatoria de procedementos selectivos para 2019 non muda nin unha soa coma (malia terse celebrado xa a última Mesa Sectorial coas OOSS) a ORDE do 14 de marzo de 2018 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario (…), aínda sabendo a Consellería que está pendente de se pronunciar o TSXG sobre a demanda presentada contra a convocatoria dese ano. De non mudar as cousas, tal e como se veñen desenvolvendo os procedementos selectivos, os tribunais de oposición, da maior parte das especialidades, e a Administración haberán de incorrer nunha ilegalidade ao non cumprir con principios básicos da normativa que regula o acceso á función pública docente. Podemos citar o incumprimento dalgúns destes principios e preceptos: Non cumprirán co preceptuado baixo a fórmula do concurso-oposición (que prescribe a disposición adicional 12ª.1 da L.O. 2/2006 de Educación e as bases da propia convocatoria) Os principios constitucionais, recollidos na Lei do Estatuto Básico do Empregado Público sobre oAcceso al emprego público y adquisición de la relación de servicio” , no seu artigo 55: os principios rectores, no acceso ao emprego público de igualdade, mérito e capacidade; ademais outros principios: publicidade, transparencia, imparcialidade e profesionalidade dos membros dos órganos de selección, independencia e discrecionalidade técnica, adecuación dos contidos dos procesos e as función á desenvolver, axilidade e obxectividade. A disposición adicional 12ª.1 da L.O. 2/2006 de Educación, e as bases da propia convocatoria, que preceptúan o acceso á función pública docente baixo a fórmula do concurso-oposición. CONCLUSIÓN:

  • A Consellería de Educación e os tribunais de oposicións vulneran os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade:

Non é igualdade tratar por igual situacións desiguais, xa que o verdadeiro sentido xurídico da igualdade consiste en dar un equitativo tratamento diferencial ás situacións distintas: a dos aspirantes libres fronte á do profesorado interino con experiencia e dereito a conservar o seu emprego, sobre todo cando, durante anos e anos, a Consellería procedeu a encadear contratos de interinaxe en fraude de lei, por abuso da temporalidade (sen convocar ofertas de emprego público no momento en que a Lei o esixía) para cubrir postos e necesidades de carácter estrutural, convertendo o contrato interino nun contrato “low cost” de longa duración que “facilitou” as políticas de precarización da Consellería. Non é igualdade que a Consellería inicie os procesos selectivos nas mesmas datas de xuño nas que o profesorado está máis ocupado na avaliación final do alumnado, e con menos posibilidades de defender o seu posto de traballo fronte aos aspirantes libres que non sofren esta situación. Tampouco se respectan o mérito e a capacidade do profesorado con experiencia polo exposto anterior no punto .

  • A Consellería de Educación e os tribunais de oposicións vulneran o principio constitucionail da publicidade das convocatorias e das súa bases:

A convocatoria é sempre moi tardía dende a súa aprobación orzamentaria, sen criterio previsto e comunicado de que especialidades se convocan cada ano e cales non, cunhas bases pouco detalladas en canto ás actuacións e criterios dos tribunais, dereitos dos aspirantes (dereito a recurso sobre puntuación en cada unha das probas, dereito a coñecer as cualificacións o antes posible …) A transparencia nos procedementos: brilla pola ausencia. A convocatoria nace dende a nula transparencia pois non se escoitan nin admiten propostas das OOSS que representan ao profesorado para perfilar as especialidades e vacantes que deben convocarse, os tribunais actúan con demasiada opacidade, etc … A imparcialidade e profesionalidade dos membros dos órganos de selección. A imparcialidade non a hai, xa que non pode ser imparcial un tribunal que recibe ordes para que faga todo o posible por reducir ao máximo o número de aspirantes que superan a fase de oposición ata facer que na práctica non exista a fase de concurso. Ademais debería haber máis mecanismos para protexer o anonimato dos aspirantes (na medida do posible): que o baremo sexa avaliado por un ente distinto aos tribunais, por exemplo. A profesionalidade dos tribunais é moi mellorable porque os presidentes son nomeados a dedo e os demais membros son designados por sorteo, sen que haxa un mecanismo previsto e debidamente preparado para formar aos tribunais. A independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección non se cumpre, polo dito no parágrafo anterior e por existir todo tipo de arbitrariedades na actuación dos distintos tribunais dunha mesma especialidade, ou mesmo nos tribunais únicos respecto doutras especialidades, por actuar sen unificación de criterios e sen instrucións inequívocas (a parte teórica debería estar formulada con probas máis concretas nas súas respostas, con modelos tipos test, preguntas máis concretas pechadas ou semipechadas etc.) A adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións ou tarefas a desenvolver, queda descartada na primeira parte da oposición, por ser esta fase de natureza moi memorística, aspecto que impide que boa parte do profesorado, con experiencia nas funcións e tarefas a desenvolver na aula, non poida acceder á parte de didáctica, na que se puidera valorar esa experiencia. Este sistema de acceso non selecciona os mellores profesionais da práctica diaria na aula. A axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos de selección, queda moi en entredito por tratarse de procesos nos que a avaliación subxectiva dos tribunais está moi sobredimensionada nestes procesos ao non haber probas testadas, dereito á revisión de notas etc.

  • O colectivo de profesores e profesoras de interinos vive condenado á inestabilidade laboral permanente:

Isto é debido a dúas causas principalmente: debido a este sistema de acceso á función pública docente inxusto e inzado de irregularidades e debido á política de precarización da Consellería que abusa da temporalidade, incorrendo en fraude de lei, facendo que o profesorado temporal ocupe postos estruturais durante hai xa demasiados anos.

De se produciren, unha vez máis, estas irregularidades nos procedementos selectivos de 2019, a USDG fará uso de todos os recursos legais, tanto pola vía administrativa coma a xudicial, para denunciar estas “malas prácticas” que atentan en definitiva contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras do ensino, que están a ver como se lles nega un acceso xusto e transparente á función docente, e, como consecuencia, négaselles tamén o dereito a unhas expectativas razoables de mellora da súas carreiras profesionais e o dereito á estabilidade laboral. Por toda esta inxustiza laboral acontecida durante longo tempo, a USDG avoga asemade pola consolidación laboral do profesorado interino como funcionario de carreira a través dun sistema de acceso diferenciado e a aplicación e a aplicación do concurso de méritos contemplado coma fórmula extraordinaria no artigo 61.6 do EBEP.

Secretariado Nacional de USDG, 02 de Febreiro de 2019

Advertisements